Por Galicia Confidencial | Barcelona | 27/12/2024 | Actualizada ás 11:00
En Cornellà, provincia de Barcelona, celébrase dende hai 38 anos un prestixioso certame poético en lingua galega: o 'Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro'. Leva o nome da entidade galega que o promove ao tempo que honra a unha das figuras máis relevantes da nosa literatura.
O pasado 7 de decembro pola tarde fixose a presentación do libro recopilatorio dos poemas premiados no Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellá entre os anos 2019 e 2023, e pola noite tivo lugar a entrega de premios da 38ª edición deste concurso no que houbo unha excelente participación con 93 traballos que achegaron 87 autores/as. O acto de recoñecementos literarios fíxose no transcurso dunha cea-convivio celebrada no restaurante da entidade anfitrioa --Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro--, e que contou coa presenza de diferentes autoridades do mundo da cultura e a sociedade catalana e galega. Encabezando a mesa estiveron o presidente da entidade, Oliver Fernández e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. E xunto a eles a Tenente de Alcalde de Cornellà, Joana Piñero Romera, e o Rexidor do Barrio da Gabarra, Sergio Martín.
O XURADO DO CERTAME
O xurado do certame estivo composto por:
Presidenta: dona Fina Casalderrei.
Vicepresidente: don Anxo Angueira.
Vogal 1º: don Armando Requeixo Cuba.
Vogal 2º: dona Chus Lama.
Vogal 3º: dona Pura Salceda.
E actuando como Secretario, con voz pero sen voto, Xulio Couxil Vázquez.
PREMIADOS
Despois das deliberacións oportunas, o xurado acordou conceder premios aos seguintes Poemas :
1º.- PREMIO, BRILLAR (algúns textos para vecEDIPO). Francisco Valeiras González (Quico).
2º.- SEGUNDO, FROITO. Francisco Javier Jardón Bahía.
3º.- TERCEIRO, MATRIZ. Ser e Simulación. Alberte Momán Noval.
Notas do xurado sobre as obras premiadas:
BRILLAR; (algúns textos para vecEDIPO) de Francisco Valeiras González. Sobre ela o Xurado comenta que se pode considerar como un poemario escénico cunha linguaxe moi creativa e dramaturxia inspirada nos tráxicos gregos. Orixinal, facendo xogos intertextuais con cinematografía europea. Escrita con elaboración rítmica e grande musicalidade.
FROITO; de Francisco Javier Jardón Bahía, achéganos unha construción moi axeitada, cunha dicción moi elaborada e unha reflexión que conecta extraordinariamente coa vivencia da sociedade actual. Saliéntase o notable traballo formal e a fondura coa que o autor abre interrogantes de carácter existencial.
Sobre MATRIZ; Ser e simulación, Alberte Momán Noval, o xurado destaca nestes versos a súa acaída elaboración conceptual, cunha escrita algorítmica que repensa con fondura cuestións existenciais de grande transcendencia, que procuran e definen o sentido da identidade.
SOBRE ESTE SENLLEIRO CERTAME DE POESÍA
Dentro do proxecto cultural e literario que a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella, creou en 1986, sendo presidente da entidade Henrique Fernández-Mon Sánchez, e xunto coa edición da revista Lúa Nova e os programas de radio “Sempre en Galiza”, e máis tarde “Galegos no Baix”, créase tamén o Certame de Poesía en Lingua Galega “Rosalía de Castro”, que este ano chegou á súa trinta e oito edición.
A principios do ano 1987 convócase a primeira edición do certame coa finalidade de promover a poesía galega e os novos poetas que saíran do país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a asociación. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron no certame dende poetas noveis ata outros/as máis consagrados/as. Cómpre lembrar, por exemplo, que por este concurso pasaron poetisas como Yolanda Castaño ou o mesmo Darío Xohán Cabana, gañador da primeira edición en 1987.
"Coidamos que se non é un dos máis importantes en lingua galega hoxe, sen lugar a dúbidas, si é o máis importante que se deu na Galicia Exterior ao longo da súa historia, e os mesmos participantes dannos a razón, dado o seu interese ano tras ano por participar no Certame", comentan dende a entidade. E segundo valoracións de xente que pasou polo xurado, non só destaca xa polo elevado número de participantes senon tamén pola calidade das obras presentadas a concurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.