O BNG fixa o obxectivo prioritario do novo ano: lograr a creación de 16.000 vivendas públicas desde a Xunta

O Bloque sitúa a vivenda como prioridade política do ano para o seu "goberno alternativo" e pide, entre outras cousas, limitar os prezos do aluguer.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2025 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O BNG expuxo a creación de 16.000 vivendas públicas desde a Xunta durante as dúas próximas lexislaturas, intervir o mercado para limitar o prezo dos alugueres e articular unha rede social para garantir que as persoas en risco de exclusión poidan ter unha solución de habitabilidade. Trátase das tres principais medidas que expón o Bloque para atallar o problema da vivenda, que será unha das prioridades de acción política neste ano 2025 para o "goberno alternativo" do principal grupo da oposición no Parlamento galego.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este xoves en rolda de prensa as prioridades da formación frontista na Cámara autonómica tras encabezar a primeira reunión do ano do grupo, que "continuará" tendo como "denominador común" situar ás "persoas no centro" e "defender os intereses de Galicia en todos os ámbitos". A defensa dos servizos públicos, melloras no sistema de coidado de maiores, un novo modelo de financiamento ou un "novo status" que outorgue "máis capacidade de decisión" a Galicia son outras das liñas nas que traballará o BNG xunto a denunciar a "situación crítica" do galego, a "fuga de talento" investigador e de mozos ou a "baixa calidade democrática" do goberno do PP na Xunta, que "traballa" para as grandes empresas e "pon a alfombra vermella" ao "espolio eléctrico" e a "bomba ambiental de Altri".

VIVENDA

Con todo, a acción política do BNG este ano terá a vivenda como un dos seus eixos principais, segundo incidiu Pontón, que denunciou que "hoxe en día" é "misión imposible" para familias, novos e persoas con rendas baixas acceder a unha vivenda, unha situación da que responsabiliza "directamente" a un PP "que se pasou os últimos 15 anos dinamitando as políticas sociais de vivenda". Como exemplo disto, a líder frontista asegurou que nos tres lustros de gobernos ininterrompidos do PP produciuse "un recorte" de 1.687 millóns de euros cos que "poderían construírse" 11.000 vivendas públicas ou "só se executaron" 10 dos 38,5 millóns consingados ao programa de rehabilitación 'Rexurbe'.

En palabras de Pontón, trátase de "datos demoledores" de "como abandonou" á cidadanía o PP que "pretende facer agora en catro anos o que non fixo en 15" prometendo 4.000 vivendas públicas esta lexislatura mentres aproba reformas fiscais e "axudas directas" para construtoras e rentistas ou "se nega" a limitar as vivendas de uso turístico e "veta" a declaración de zonas tensionadas. Fronte á "propaganda" do PP, o BNG pretende que a vivenda "volva" ser "un dereito" a través de medidas como o aumento do parque público ata as 16.000 (ben por construción ou por adquisicion de vivenda baleira) e a extensión "a perpetuidade" da cualificación de vivenda protexida.

Tamén propoñen que se blinden os prezos destas vivendas protexidas para que teñan "prezos asumibles" aos que poidan acceder as rendas máis baixas a través do axuste dos indicadores despois de que nos últimos anos aumentasen "un 40 %" cos gobernos do PP, segundo Pontón. Ademais, o BNG ve prioritario que se interveña no mercado para limitar os prezos do aluguer, xa que considera equivocada a "tese" do PP de que o problema do encarecemento da vivenda pode afrontarse "exclusivamente" cun aumento da oferta. Para iso, propoñen "combinar" medidas como o control das vivendas de uso turístico, facilitar a declaración de mercados tensionados e impulsar modelos de construción baseados no cooperativismo. Por último, o Bloque cre necesaria a articulación dunha rede de protección social que garanta "que ninguén quede na rúa" por problemas á hora de afrontar o prezo da vivenda.

Ana Pontón en rolda de prensa
Ana Pontón en rolda de prensa | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta