Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/01/2025 | Actualizada ás 14:07
A Audiencia de Pontevedra absolveu a un xefe de quenda dun supermercado pontevedrés dun delito de acoso sexual contra unha traballadora ao non considerar acreditado que o tocamento denunciado se producise "en contra da súa vontade nin con ánimo libidinoso". Nunha sentenza facilitada este martes polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e contra a que cabe recurso de apelación, a audiencia pontevedresa decreta tamén a libre absolución do xerente do establecemento comercial e o responsable de recursos humanos, contra os que a acusación particular presentara cargos como cómplices dos feitos.
A denuncia remóntase a agosto de 2013, cando a denunciante traballaba nun supermercado da provincia de Pontevedra no que exercía como xefe de quenda o principal acusado. Segundo a versión da empregada, este agarrouna por detrás cando accedían ao interior dunha cámara frigorífica para comprobar o estado dunha mercadoría, acto que foi presenciado por unha compañeira. O fallo do tribunal considera que non pode probarse que estes feitos se producisen "en contra" da "vontade" da denunciante, nin aprecia que se producise "con ánimo libidinoso" ou que poida entenderse que se valeu da súa condición de superior xerárquico para atentar contra a liberdade sexual da empregada.
Ademais, entende que o xerente e o responsable de recursos humanos "adoptaron as medidas" necesarias para corrixir a situación de maneira "inmediata" unha vez tiveron constancia da denuncia presentada pola traballadora, na que os maxistrados non aprecian tampouco que "os danos psíquicos que presenta poidan ser atribuíbles aos acusados" ou que se adoptasen represalias laborais na súa contra relacionadas co ocorrido. Así as cousas, a audiencia considera que existe un "déficit probatorio do que xorde a dúbida da certeza dos feitos" en virtude da análise das probas practicadas no xuízo oral celebrado na primavera de 2024. Desta forma, cren a "observancia" dos principios de inmediación, oralidade, publicidade e contradición nos relatos de acusado, testificais, periciais e documentación achegada no xuízo "non permitiron declarar de forma inequívoca que os feitos ocorreron na forma descrita nos relatos de feitos dos escritos acusatorios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.