Por Galicia Confidencial | Verín | 19/01/2025 | Actualizada ás 09:25
O Concello de Verín presume xa do seu cartel anunciador. Trátase dunha obra que reflicte a autenticidade e as raíces dunha das celebracións máis emblemáticas de Galicia e foi creada polo artista local Álex Araújo, coñecido artísticamente como "axtriplicado".
Baixo o lema "O Noso, Sempre", o cartel simboliza o orgullo e a fidelidade ás tradicións do Entroido de Verín. ”Queremos poñer o foco naquilo que nos fai únicos e que atrae a persoas de todas partes á nosa celebración. Este cartel é unha homenaxe á nosa identidade e ás figuras que fixeron, e fan, grande este Entroido”, destacou a concelleira de Cultural, Turismo e Festexos, Samanta Barreira durante a súa intervención.
A OBRA
A obra de Álex Araújo incorpora, ademais da figura do tradicional Cigarrón, personaxes icónicos como Helena, a Raíña do Entroido; Pilís; Pesca; Toño Cesteiro;e o Tarrío, entre outros, así como unha referencia especial ao seu propio pai, Carlos Araújo, outra das figuras destacada do entroido de Verín. O artista explicou o proceso creativo que o levou a dar forma a este cartel: “Traballei sobre lenzo, utilizando diferentes técnicas (como acrílico, sprai, carboncillo, ceras ou rotulador), ata chegar ao que quería representar; usando incluso a modo de pincel elementos propios do Entroido como o látego, o pompón ou o ganchillo do traxe de cigarrón. Este cartel está cheo de detalles e significados que convidan a deterse e gozar de cada elemento”.
En coherencia coa aposta polo talento local, a elección de Álex Araújo como creador do cartel reforza o compromiso do Concello de Verín cos seus artistas. A concelleira subliñou: “O noso Entroido é unha celebración que vai máis alá dunha festa. É un acto de recoñecemento e orgullo cara a quen nos legaron estas tradicións”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.