O PSdeG presenta unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei da CRTVG: "É un ataque ao pluralismo"

A socialista Silvia Longueira asegurou que o que pretende é "consolidar" un modelo de "control político absoluto" dos medios públicos para "garantir" que a CRTVG sexa un "instrumento de propaganda".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2025 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital impulsado polo Partido Popular. Deste xeito, a socialista Silvia Longueira cualificou esta proposta de "ataque ao pluralismo" e á "liberdade informativa". Así mesmo, asegurou que esta foi elaborada "sen diálogo" cos profesionais da corporación e que se trata dun proxecto que "non busca modernizar", senón que o que pretende é "consolidar" un modelo de "control político absoluto" dos medios públicos para "garantir" que a CRTVG sexa un "instrumento de propaganda".

Nesta liña, o PSdeG lembrou nunha nota de prensa que esta proposta lexislativa "elimina órganos esenciais" como o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos. Segundo sinalou Longueira, "desmantelar" estes órganos é "unha mostra do desprezo" á profesión xornalística e unha "agresión" ao dereito a "unha información veraz" e plural". Ademais, o Grupo Socialista denunciou que a nova norma permite que a elección da Dirección Xeral quede "en mans" da maioría simple do partido gobernante, ao que se referiu como un "golpe á democracia informativa".

DENUNCIAN "OPACIDADE"

Doutra banda, a deputada socialista tamén denunciou a "opacidade" coa que se redactou o proxecto, "sen ter en conta" ao Colexio profesional de Xornalistas de Galicia ou ás entidades que representan ao sector audiovisual. Tamén aproveitou para afear a "infravaloración" da produción propia e do arquivo audiovisual da CRTVG, así como para destacar o "retroceso" na protección do uso do galego. Con todo, o Grupo Parlamentario Socialista esixiu a "retirada inmediata" do proxecto e a apertura dun proceso de "diálogo real" que permita unha lei que "protexa a pluralidade, a profesionalidade e o dereito da cidadanía a unha información libre e de calidade".

A socialista Silvia Longueira
A socialista Silvia Longueira | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta