Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2025 | Actualizada ás 11:34
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, rexeita a proposta do Ministerio de Sanidade de prohibir que os xefes de servizo da sanidade pública poidan tamén exercer na privada: "Penso que as persoas son libres, no seu tempo libre, de facer o que queiran".
En declaracións á prensa na sede do seu departamento en Santiago, antes da constitución do Comité Molecular de Tumores, Gómez Caamaño recalcou que "non" comparte a postura e criticou á ministra Mónica García pola súa "inaudita" capacidade "para abrir melóns e non pechalos". A proposta do Goberno central sobre a exclusividade dos xefes de servizo produciuse no marco da negociación para renovar o estatuto marco para o persoal sanitario. Varios colexios médicos, incluído o de Galicia, xa mostraron o seu rexeitamento.
O conselleiro de Sanidade, que ata o seu nomeamento en abril de 2024 era xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico de Santiago, coincide cos colexios en que podería ter un efecto contrario ao desexado. "O que estás a facer é, realmente, favorecer que os profesionais de prestixio, profesionais que lideran moitos servizos, acaben optando por desprazarse á medicina privada", asegurou Gómez Caamaño.
O SERGAS XA FLEXIBILIZOU HORARIOS PARA PERMITIR COMPATIBILIZAR
Ademais, o máximo responsable da sanidade en Galicia pregúntase "como se vai a pagar o traballo a maiores" dos xefes de servizo, se se considera que só se pode dedicar á pública baixo a idea de que o seu posto é "tan importante que non pode cumprilo no seu horario habitual, de 8.00 a 15.00". Cabe lembrar que, hai dous anos, o Sergas emitiu unha instrución para flexibilizar o réxime de incompatibilidades e que o seu persoal puidese exercer tamén en clínicas e hospitais privados que tivesen servizos concertados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.