Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2025 | Actualizada ás 18:30
A Plataforma Ulloa Viva mantivo este mércores diversos encontros a nivel político e institucional para "seguir solicitando apoios" na loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. Concretamente reuniuse cos Ministerios de Sanidade e Cultura en Madrid, e contou coa visita de Podemos a Palas de Rei, cunha delegación entre cuxos integrantes se atopaba o fundador de Alianza Verde e asesor ambiental de Podemos en Bruxelas, Juan López de Uralde.
Así, tal e como recollen nun comunicado, membros da plataforma participaron este mércores nas distintas reunións nas que entregaron aos responsables políticos e institucionais informes técnicos acreditados dos impactos que a macrocelulosa de Altri-Greenalia tería no corazón de Galicia, a nivel socioeconómico, da biodiversidade, a auga e a contaminación ambiental e tamén os efectos sobre a saúde das persoas.
Así mesmo, as portavoces da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá e Zeltia Laya recibiron esta mañá en Palas de Reis a unha delegación de Podemos Galicia, encabezada pola súa coordinadora nacional Isabel Faraldo, que visitaron a zona onde Altri quere instalar a macrocelulosa. As portavoces solicitaron o apoio da formación en Madrid e Bruxelas, de onde o proxecto da macrocelulosa tería que solicitar os fondos públicos que demanda para a súa posta en marcha e demostrar que non incumpre as directivas ambientais da Unión Europea.
Sobre isto, Zeltia Laya lembrou que na Comisión de Peticións da UE admitiron a trámite unha denuncia da Plataforma que "irá a Bruxelas a defender que o proxecto de Altri non cumpre con moitas directivas comunitarias". Censuraron ademais a campaña de requirimentos da Xunta para "esixir aos máis de 24.000 alegantes contra o proxecto que demostren ser persoas interesadas na tramitación". "Mentres o presidente da Xunta e as conselleiras de Medio Ambiente e Economía pídenlle máis datos cunha alfombra vermella a Altri, ás veciñas e cidadáns seguen sen escoitarnos nin informarnos", denuncian.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.