Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2025 | Actualizada ás 15:03
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, prevé que ao longo de 2025 estará listo o novo plan de saúde mental do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que está xa "bastante avanzado". O anterior estivo en vigor de 2020 a 2024, polo que xa expirou.
Así respondeu o conselleiro a preguntas dos medios de comunicación en Vigo, durante a súa visita á nova sede da Asociación Española contra o Cancro, despois de que a semana pasada o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denunciase que "nada se sabe" da nova estratexia de saúde mental.
Aínda que non quixo comprometer unha data para medidas concretas, si se mostrou convencido de que "neste ano terá que estar" o plan: "Está a traballarse nel. Eu creo que, segundo os expertos, está bastante avanzado, pero non o coñezo na súa totalidade". O titular de Sanidade expresou "o compromiso" do seu departamento coa saúde mental e citou iniciativas como a creación dunha subdirección xeral específica no inicio da lexislatura e a dotación de "cada vez máis recursos humanos" a esta problemática.
"EXCESO DE DEMANDA"
E é que, en palabras do conselleiro, o problema actual é o "exceso de demanda", algo que colleu " practicamente co pé cambiado" ao sistema sanitario. Nesta liña, a Xunta anunciou o ano pasado que as recentemente creadas unidades infanto-xuvenís estendería a idade dos pacientes ata os 18 anos e que, para trastornos do espectro autista, podería alcanzar os 21.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.