Tensións na Cámara pola política forestal da Xunta tras a saída do director da Axencia Galega da Industria Forestal

O BNG axita a súa "dimisión" na Cámara para denunciar "crise" na política forestal da Xunta e o PP censura a súa "visión catastrofista".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2025 | Actualizada ás 21:43

Comparte esta noticia

O Goberno galego prepara a substitución de Jacobo Aboal Viñas na dirección da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), despois de que este pedise unhas semanas atrás deixar o cargo. Así o confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Economía, da que na actualidade depende o ente, e que trasladaron que Aboal solicitou abandonar o posto que asumira en xuño de 2022 por motivos persoais.

Ao tratarse dun director xeral o seu cesamento terá que ser ratificado polo Consello da Xunta e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), do mesmo xeito que o nomeamento de quen lle releve, pero estes pasos aínda están pendentes. Aboal foi designado como director da XERA en xuño de 2022. Nacido en Segovia en 1974, é enxeñeiro técnico forestal e enxeñeiro de montes, titulado en ambas as disciplinas pola Escola Politécnica Superior de Lugo, da USC.

A maior parte da súa experiencia profesional está vinculada á administración forestal, tras un paso pola empresa privada como técnico forestal.

PROTAGONISMO NA COMISIÓN DE INDUSTRIA

O nome de Aboal estivo no foco este venres durante un debate no seo da comisión parlamentaria que analiza as cuestións de Medio Rural no Pazo do Hórreo, onde o deputado do BNG Luís Bará fixo referencia á súa "dimisión" como evidencia da "profunda crise e división na que está sumida a política forestal do PP".

Bará mostrou a súa preocupación pola situación de "inestabilidade e incerteza" en relación coa XERA "sometida a continuos vaivéns, bandazos e xiros de guión". "Foi así primeiro co anuncio da súa disolución, despois co anuncio do traslado a Industria e, máis tarde, co paso do Centro de Investigacións de Lourizán de Medio Rural tamén a Industria, unha decisión disparatada", afeou.

Fronte ao "desmantelamento e intentos privatizadores do CIF de Lourizán", propuxo en comisión alcanzar un acordo para "un gran polo de investigación do sector agrario e forestal". O PSdeG, a través dunha emenda defendida por Paloma Castro, sumouse; pero a iniciativa foi rexeitado co voto dos populares.

Ademais de incidir en que os entes en cuestión non dependen xa de Medio Rural polo que a comisión en cuestión non era o foro "adecuado" para abordar o asunto, o parlamentario do PPdeG Ángels Rodríguez Conde defendeu as políticas forestais do Executivo galego e o enfoque dos centros fronte á "visión catastrofista" que atribuíu ao BNG.

Jacobo Aboal, ata agora responsable da XERA
Jacobo Aboal, ata agora responsable da XERA | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta