Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/03/2016 | Actualizada ás 14:52
Hoxe comeza o proceso que culminará o 12 de abril coa proclamación dos novos órganos autonómicos de Podemos. O partido morado agarda pechar a súa crise interna en Galicia nun momento clave para o seu futuro.
Os inscritos de Podemos Galicia poderán escoller entre tres candidatos. O actual secretario xeral, Breogán Riobóo, é o lider do sector crítico con Madrid. A deputada Ángela Rodríguez pode considerarse como a máis ‘oficialista’ das candidaturas. A alternativa dende fóra do aparato represéntaa a viguesa Carmen Santos.
Precisamente hoxe Riobóo tendeu a man a Carmen Santos para sumar forzas. “Esta candidatura está aberta a calquera persona, incluída Carmen Santos ou os que colaboran con ela, para que participen en asembleas e do proceso de preprimarias, e se presenten se queren ao mesmo e que, conxuntamente, poidamos construír a organización que queremos”, declarou na presentación da súa candidatura, co nome “Decide Galicia, coa voz da xente”.
Menos conciliador mostrouse con Rodríguez, a quen cualificou de “paradigma do que non debe representar Podemos” debido a súa “acumulación dos cargos” por ser parlamentaria e ter cargos orgánicos en Podemos Pontevedra e no finiquitado Consello Galego.
Unha das propostas de “Decide Galicia” é unha persoa, un cargo. Riobóo está enfrontado políticamente cos cargos de Podemos Galicia nas cortes tras o seu cuestionamento da campaña electoral e as críticas ao nacionalismo.
Esta candidatura presentou hoxe en Santiago un sistema de “preprimarias” para que calquera persona da organización poida presentarse como parte da sáu candidatura. Vótase a través dun “Doodle” e así Riobóo espera formar até o 75% da súa lista.
Por outra parte, dende o Equipo Técnico (a xestora elixida dende Madrid tras a crise interna) destácase a necesidade de que “o intercambio de ideas e de perspectivas se produzan desde o respecto entre compañeiras” malia posíbeis “posicións puntuais diverxentes”. Agora ben, a xestora tamén reclama “discrepancia construtiva” dado que “somos fortes porque somos diversos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.