Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 14/02/2025 | Actualizada ás 21:45
Nos comezos do ferrocarril, comentábase que as locomotoras causarían incendios e provocarían que as vacas deixasen de dar leite e as galiñas de poñer ovos. Foi o 15 de setembro de 1873 cando se inaugurou o ferrocarril Cornes (Santiago) - Carril (Vilagarcía de Arousa), acontecemento que espertou entre a poboación unha mistura de entusiasmo, escepticismo e ata certo roxelo. Comezaron os debates entre os seus beneficios e as súas posibles consecuencias. Había sectores da sociedade galega que vían o ferrocarril coma unha oportunidade de progreso: mellora das comunicacións nunha época complexa, maiores facilidades no transporte de produtos agrícolas e pesqueiros e impulso ao turismo. Con todo, tamén había xente encargada do transporte por terra de mercadorías que temía perder o seu negocio, outros que pensaban que a velocidade do tren era perigosa para a saúde --había supersticións sobre os 'vapores do diaño' que expulsaban as locomotoras-- e tamén quen temían que o comercio se concentrara nas cidades conectadas polo tren perxudicando ao rural.
Cada locomotora adoitaba remolcar ata 7 coches de viaxeiros --de madeira, fabricados en Inglaterra-- e entre 2 e 3 vagóns de mercadorías. Queimaban carbón en grandes cantidades procedente de Cardiff (Inglaterra) e Xixón (Asturias). Carbón que, con frecuencia, misturábase coa leña do país. Ademais, estas primeiras locomotoras adoitaban ter unha potencia limitada, polo que non podían percorrer traxectos demasiado longos nin levar moita carga. Raramente superaban os 40 ou 50 quilómetros por hora, aínda que esta velocidade era moita para a época. Así mesmo, dispoñían dun ténder acoplado, é dicir, un vagón separado no que se almaceaba o carbón e a auga precisos para alimentar a locomotora durante o seu traxecto. Con todo, o máis reseñable desas primeiras locomotoras que xogaron un papel destacado nos comezos do ferrocarril en Galicia, unha das máis queridas por todos sempre foi a 'Sarita', a pesar de tratarse dunha locomotora de manobras e non ser empregada para o transporte de pasaxeiros.
DE 'SAR' A 'SARITA', UNHA LOCOMOTORA HUMANIZADA QUE AÍNDA SE PRESERVA
A locomotora 'Sar' tiña 6,76 metros de lonxitude e fora fabricada en Leeds (Inglaterra) pola Hunslet Engine Company, por encargo da compañía ferroviaria portuguesa Beira Alta. O xerente desta compañía, José María Abalo Souça estaba casado cunha vilagarciá e, ademais, era moi amigo de John Trulock, o avó de Camilo José Cela, polo que decidiu agasallalo con esta locomotora. Unha vez nas súas mans, Trulock púxoa ao servizo da liña ferroviaria con base na estación de Carril e funcións de loxística e manobras. O avo de Cela non tardou moito en bautizar esta locomotora co nome de 'Sar', na honra do río da súa vila de acollida, Padrón. Pero tal foi o cariño que lle colleron traballadores e veciños que no canto de 'Sar' todos comezaron a chamarlle 'Sarita', nome co que pasaría á Historia.
Ao manexo de mesma púxose Francisco Porto Codesido, un bo amigo de Trulock, que tiña experiencia nos ferrocarrís ingleses. Despois da morte de Trulock, 'Sarita' pasaría a ser locomotora de manobras, sen número ate ser a compañía The West absorbida pola Compañía del Oeste en 1929, quen lle asignaría o número 191. Xa con Renfe, se redenomina á 'Sar' como a locomotora 030-0201. No ano 1935 foi trasladada ao porto de Vigo para mover locomotoras dos talleres xerais, sendo este o seu último destino. Con todo, 'Sarita' volvería tempo despois ás terras da súa mocidade, sendo a súa última viaxe polos seus propios medios a realizada no ano 1968, cando partiu de Vigo para regresar a Vilagarcía como estrela da feira de mostras de Fexdega, onde foi exposta ao público. De aí viaxaría logo a Madrid para formar parte do fondo do Museo Ferroviario, aínda que, finalmente, foi doada á Fundación Camilo José Cela, onde hoxe se atopa exposta ao público.
LOCOMOTORAS 'PONTEVEDRA', 'CARRIL', 'AROSA' E 'CALDAS DE REYES'
Con todo, a 'Sar' non foi a única locomotora co nome galego, senón que por aquel entón era moi habitual empresar os nomes de ríos, vilas e outros lugares próximos para denominar ás locomotoras. Así, ademais da 'Sar' atopamos tamén por aquela época a locomotora 'Pontevedra', primeiramente bautizada co nome de 'Jerez' e que foi, xunto coa coñecida como 'Montero Ríos', das primeiras que remolcaron o tren inaugural con destino a Carril. No ano 1882 pasou a chamarse 'Pontevedra', do mesmo xeito que a locomotora 'Montero Ríos' pasou a coñecerse como 'Carril'. Pola súa banda, a locomotora 'Arosa', fabricada en 1897, foi a que arrastrou o primeiro tren que realizou o percorrido total da liña de 75 quilómetros desde Pontevedra ata Cornes (Santiago). Mentres que a locomotora 'Caldas de Reyes' foi mercada, xunto con outras tres, no ano 1898, uns meses antes de inaugurarse o treito Carril-Pontevedra. Anos máis tarde, esta máquina fíxose moi famosa, xa que era a que arrastraba o tamén famoso 'Tren de Varela'.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Allariz pon en valor a contorna do seu Castelo
- As primeiras locomotoras tiñan nome de Galicia: coñecemos a 'Sar', agasallada ao avó de Camilo José Cela
- Comeza a prospección arqueolóxica do xacemento Castrillón, na Coruña, afectado por un futuro plan urbanístico
- Unha nova web para divulgar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial
- (Vídeo) A maior colección de bastóns de Galicia: dende un mango feito con pene de touro a outro que agocha un sabre
- Canteiros, un oficio de mestres que pode desaparecer por falta de renovación xeracional