Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/02/2025 | Actualizada ás 15:12
O 53,6 % das familias galegas que se comunican habitualmente tanto en galego como en castelán consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia, segundo recolle unha enquisa encargada pola Xunta de Galicia. A sondaxe 'Enquisa Percepción Social do Galego', realizado por Sondaxe, presentouse este xoves na Cidade da Cultura da man do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; e polo coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González. Este é un dos primeiros documentos que se irán entregando ás comisións do Plan "como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presencial do galego na sociedade".
Trátase dun estudo composto por 1.200 enquisas a familias residentes en Galicia con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. Así, en relación a unha posible discriminación idiomática, o 52,4 % das familias enquisadas que falan habitualmente en galego consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia e o mesmo opinan o 69 % das familias que se comunican normalmente en castelán. Destacaron que a enquisa reflicte unha "diversidade lingüística" no ámbito familiar e social. Así, o 94,5 % dos pais afirman que os seus fillos saben falar galego e o 67,5 % das familias sinala que os seus fillos empregan o galego de forma habitual. Ademais, o 31,1 % dos mozos interactúa só en castelán.
"AMPLA ACEPTACIÓN DO BILINGÜISMO CORDIAL"
Os responsables do departamento autonómico incidiron tamén na "ampla aceptación" por parte dos galegos do coñecido como 'bilingüismo cordial'. O 77 % das familias contestan en galego cando alguén se dirixe a elas nesa lingua e o 83,7 % da poboación responde en castelán cando se dirixen a elas así. Outro dos aspectos que aborda a enquisa é a opinión das familias sobre o galego no ensino. O 62,8 % están "satisfeitas" ou "moi satisfeitas" co uso actual do galego no sistema educativo galego. A este respecto, destacan que o grao de satisfacción é "lixeiramente superior" entre as familias que usan o galego de forma cotiá, aínda que con valores similares. Concretamente, un 6,51 fronte a un 6,40 que utiliza as dúas e un 6,07 de castelán.
En canto ás preferencias do uso do idioma no ámbito escolar, máis da metade das familias enquisadas (un 55,2 %) deixaríao como está, fronte a un 26,9 % que querería máis galego e un 6,6 % que querería menos. Así mesmo, o informe recolle unha serie de propostas para fomentar o uso do galego na sociedade, tales como fomentar a inclusión do galego en videoxogos e aplicacións educativas; organizar concursos para que os nenos cren contido en galego; promover a creación de series ou programas en plataformas como Youtube ou Twitch; e facilitar a aprendizaxe do galego nas persoas nadas fóra de Galicia.
"HAI QUE CONTRASTAR A PERCEPCIÓN SOCIAL CON MÁIS DATOS"
Pola súa banda, Manuel González animou a todas as institucións, grupos de investigación e demais a achegar todos os estudos que teñan sobre o galego de época recente. "Todo será tido en conta e examinarase con detalle", asegurou. Para González é moi importante pór o foco no sector das familias con fillos en idade escolar, xa que é "onde se está amasando o futuro do galego". Con todo, limitou o impacto do mesmo e sinalou que, aínda que a percepción social é importante, "sempre hai que contrastala con outro tipo de datos". "Pode ser que unha muller dalgún estado islámico teña unha percepción social de que a súa situación é boa, pero desde o punto de vista occidental, vemos que non", exemplificou.
Alertou ademais de que o uso do galego continúa aínda moi asociado ao hábitat e á idade, cunha evolución negativa nas cidades e entre os máis novos. "E a isto témoslle que pór coto", comentou. Tamén nesta liña advertiu sobre o "gravísimo" problema que supón perder a transmisión familiar do idioma. "É na familia onde se asenta o futuro da lingua", indicou, sinalando que só en torno ao 7 % dos que aprenden galego fóra do fogar o falan despois, unha cifra que ascende ao 90 % cando se aprende na casa.
LÓPEZ CAMPOS INSTA A CHEGAR A UN ACORDO POLÍTICO
José López Campos reivindicou a relevancia desta enquisa para coñecer a percepción dos galegos. "Creo que podemos estar satisfeitos porque se demostra unha sensibilidade elevada en relación coa lingua. E, ademais, isto creo que nos dá un escenario favorable de cara ás medidas que queremos adoptar no futuro", comentou. Lembrou ademais que, de forma simultánea ao pacto coas forzas políticas, a Consellería traballa en determinados ámbitos nos que recoñeceron a necesidade de reforzar o galego, tales como a sanidade ou a xustiza, ademais dos medios de comunicación, cualificando de "clave" o papel da TVG no proceso de galeguización.
Así mesmo, o responsable autonómico de Lingua volveu instar as forzas políticas parlamentarias a traballar unidas polo novo Pacto da Lingua. "Creo que o debate político é necesario, máis necesario que nunca, e creo que existen distintas formas de manifestarnos pero creo que non podemos, en ningún caso, afastarnos da responsabilidade de chegar a un acordo", defendeu. López Campos asegurou que o calendario fixado cando arrincaron coas reunións do pacto mantense, polo que esperan ter un documento pechado para finais deste ano.
LÓPEZ CAMPOS ACUSA AO GOBERNO DE "INCOHERENCIA"
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, criticou a "incoherencia" do Goberno en materia lingüística, querendo destinar 44 millóns de euros á habilitación nos parlamentos estatal e europeo das linguas cooficiais e non 15 millóns ao Perte da Lingua, proxecto "estratéxico" para Galicia.
Así se expresou o conselleiro este xoves preguntado polas acusacións do PSdeG ao PP de "atrancar o uso do galego en Europa mentres en Galicia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "fai propaganda" cun pacto pola lingua "sen garantir compromisos reais".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu este xoves unha rolda de prensa na que conectou co eurodeputado socialista, Nicolás González, desde Bruxelas, que lembrou que o Parlamento Europeo xa permite a interpretación en varias linguas oficiais dos Estados membros, pero que o galego "segue sen ese dereito". "Isto non é unha cuestión técnica, é unha cuestión de dignidade e de igualdade de dereitos", afirmou.
"O Goberno de España impulsou este recoñecemento para o tres linguas cooficiais, e os gobernos vasco e catalán apoian activamente a medida. O único que cala e pon escusas é o Goberno de Galicia", engadiu.
Así as cousas, López Campos asegurou que desde a Xunta "por suposto que están a favor da implementación das linguas cooficiais", pero pediu coherencia facendo referencia á falta de financiamento do Perte da Lingua.
Ao amparo deste proxecto, lembrou, comprometéronse para Galicia por parte do Executivo central uns 15 millóns de euros dos que "só se recibiron dous". "A información que temos é que son recursos que se derivaron ao Perte de Descarbonización e, por tanto, entendemos que non se van a recibir os recursos prometidos", lamentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.