A Xunta activa o Bono Alugueiro para os menores de 36 anos a partir do 28 de febreiro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2025 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este luns unha nova convocatoria do Bono Alugueiro Mocidade, unha axuda mensual de 250 euros para que os menores de 36 anos poidan pagar o aluguer que se poderá solicitar a partir do próximo 28 de febreiro durante un mes, é dicir, termina o 28 de marzo.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o máximo mandatario autonómico, Alfonso Rueda, destacou que esta convocatoria terá un orzamento de 13 millóns de euros. En concreto, o obxectivo deste programa é facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de aluguer ou de cesión de uso á xente nova con menos ingresos económicos, outorgándolle axudas directas ás persoas arrendatarias.

Segundo detallou poderán solicitar este apoio os menores de 36 anos que non superen tres veces o IPREM, é dicir os 25.200 euros, e o prezo do aluguer dependerá da localidade na que se sitúe a vivenda. No caso das cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra, o prezo non poderá superar os 700 euros; mentres que en Lugo, Ferrol e nas contornas das cidades será de entre 500 e 600. Pola súa banda, o prezo será de ata 400 euros no resto de concellos galegos.

Estas axudas, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro xoves, día 20 de febreiro, terán carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro deste ano e o prezo sería por un período máximo de 2 anos. Rueda lembrou que a Xunta pon en marcha esta convocatoria en colaboración co Goberno central e censurou que o Executivo estatal "reducise á metade" os fondos que Galicia recibía no ano 2022 para este fin.

Reunión do Consello da Xunta en Santiago
Reunión do Consello da Xunta en Santiago | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta