Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2025 | Actualizada ás 21:22
A filla do home falecido pola agresión do partido de balonmán deste domingo en Sanxenxo publicou en redes sociais unha carta aberta dirixida ao seu pai e ao agresor ao que se dirixe claramente cun "non me vale ningún perdón". "A min non me vale con ningún perdón, con ningunha terapia nin conto coa xustiza, nada diso me vale porque nunca poderei recuperar o que perdín, o que nos quitaches", afirma. "Dáme igual todo o que pretendas argumentar... fixéchelo e punto, quitáchesnos ao que máis queriamos", continúa.
Este luns sóubose que o Xulgado número 2 de Cambados investiga por homicidio imprudente ao presunto agresor a outro home nun partido de balonmán celebrado o pasado decembro en Sanxenxo tras confirmarse o falecemento da vítima.
Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) consultadas por Europa Press, a xuíza modificou o delito polo que se investiga a este home, xa que ata esta mañá incoara un procedemento por un delito de lesións. Agora, o xulgado investigarao por homicidio imprudente, polo que xa foi chamado a declarar coa nova cualificación (previsiblemente acudirá nos próximos días).
Todo iso despois de que na madrugada deste luns falecese o espectador agredido nun partido de balonmán de categorías de base o pasado 15 de decembro, Andrés R., tras estar máis de dous meses hospitalizado e non poder superar as lesións sufridas. En concreto, tratábase do avó do árbitro, que sufriu unha caída ao ser empuxado polo pai dunha xogadora que participaba no encontro de categoría cadete.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.