O PP avanza na súa lei da CRTVG: só acepta tres emendas "insustanciais" de case 70 da oposición

O Comité Intercentros convoca folga o 11 de marzo, día de aprobación no Parlamento, contra unha norma que "destruirá os servizos públicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2025 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O PPdeG quedou só na aprobación do ditame da futura lei que regulará á CRTVG, rexeitado por BNG e PSdeG. Deste xeito, o texto elevarase ao pleno do Parlamento para a súa aprobación definitiva no mes de marzo.

No debate en comisión parlamentaria deste venres, os populares rexeitaron case a totalidade das preto de 70 emendas da oposición. Non aceptou ningunha das 29 do BNG e só transaccionou tres das 39 do PSdeG. En palabras da deputada socialista Silvia Longueira, só se aceptan "unhas poucas modificacións insustanciais" --como, por exemplo, divulgar o arquivo da corporación--.

Mentres, o Comité Intercentros convocou este mesmo venres de debate parlamentario unha folga para o día 11 de marzo, día de aprobación definitiva desta norma na Cámara galega, xa que considera que "a lei destruirá os servizos públicos". Ademais, celebrará unha concentración ante o Parlamento ese mesmo día baixo a lema 'Destruídes ou que construímos'.

Nun comunicado, o Comité Intercentros denuncia que esta lei está feita para pór a CRTVG "ao servizo exclusivo dos intereses" do PP. Entre "outros retrocesos", alerta de que "elimina a prohibición de cesión a terceiros dos servizos informativos", "un punto de non retorno".

A deputada popular Carmen Pomar defende que a denominada lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é "imprescindible" para adaptarse á lexislación estatal e europea, ademais de dotar aos medios públicos dun marco normativo para "dar resposta aos retos de futuro nun mercado tan competitivo como é o audiovisual". Acusa a BNG e PSdeG de empregar esta lei como "arma arreboladiza" para "danar ao PP"

O BNG DENUNCIA UN "CONTROL ABSOLUTO"

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, dixo que non lle sorprende que o PP non acepte ningunha das súas emendas. Lembra que o Bloque presentou un texto alternativo co fin de "rescatar" os medios públicos, xa que alerta de que os populares "pretenden facerse co control absoluto da radio e televisión" para que sexa o seu "terminal de propaganda".

Avisa de que o "único obxectivo" que persegue esta norma son as "présas" por "pór a dedo" a un novo director xeral da CRTVG en substitución da "interinidade vitalidade" de Alfonso Sánchez Izquierdo. Todo iso nun contexto de "manipulación" e "condenas por mentir" para "danar e prexudicar" ao Bloque.

Redacción da CRTVG con asentos baleiros pola folga na CRTVG /  COMITÉ DE EMPRESA CEDIDA / Europa Press
Redacción da CRTVG con asentos baleiros pola folga na CRTVG / COMITÉ DE EMPRESA CEDIDA / Europa Press

O PSDEG AVISA DE PROBLEMAS LEGAIS

Silvia Longueira (PSdeG) censura unha lei que busca o control de información "a medida" do PP na Xunta. Critica que a norma "se despache en dúas reunións de negociación" e "sen debater cuestións de fondo".

Longueira avisou de que a propia lei pode ter problemas legais no relativo ao artigo para a contratación de directivos por "contravenir" o decreto de regulacion laboral de persoal de alta dirección. Avierte de que pode "dar un serio problema". Por tal motivo, o PSdeG rexistrou un escrito para que os letrados avalíen se mesmo procede suspender a tramitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta