Non se poderá capturar polbo durante os meses de abril, maio e xuño por parada biolóxica e veda

Haberá axudas do Fempa durante a parada biolóxica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar acordou co sector unha parada biolóxica da captura do polbo en abril e unha veda en Galicia durante dous meses, maio e xuño. Así se trasladou ao sector na última reunión da comisión de seguimento do plan experimental para a xestión deste octópodo, a falta de que se aprobe e se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución para esta campaña 2025-2026. A parada biolóxica e a veda son medidas técnicas que recolle o plan do polbo co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie de cara a protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación sustentable. En ambos os períodos queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores

As embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo deberán retirar as nasas do seu calamento e levalas a porto durante este período. Tamén é aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinto da nasa para polbo. Unha das novidades respecto ao último plan é que a paralización da actividade extractiva no mes de abril contará con apoio económico ao sector afectado ao amparo do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) que ampara a posibilidade de habilitar estas axudas á paralización temporal para aplicar medidas de conservación como os períodos de descanso biolóxicos dos recursos aparece recollida no regulamento deste fondo.

NOVA CAMPAÑA EN XULLO

No plan consensuado co sector para a campaña que se abrirá no mes de xullo, ao terminar a veda, non varían nin os quilos marcados como captura máxima nin as especies acompañantes que se poden capturar, como tamén permanecerán igual os horarios, tal e como se recollerá no DOG. Deste xeito, o Goberno galego culmina a elaboración do plan para a campaña 2025-2026, iniciado o ano pasado e da man do sector, no que se analizaron as mellores datas para retomar a actividade da frota en función da desova da especie e tamén dos alevíns.

Polbo bimaculoides
Polbo bimaculoides | Fonte: CASSADY OLSON - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta