Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 18:49
A Xunta activou as dúas liñas de avais para apoiar a adquisición de vivenda para mozos menores de 36 anos e sen límite de idade. O Consello da Xunta, na súa reunión de semanal celebrada este luns, deu luz verde á convocatoria destas liñas, dotadas dun orzamento global de 5 millóns de euros e enfocadas a cubrir ata o 20 % do prezo da adquisición do inmoble. As bases determinan que o inmoble debe localizarse en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente, polo menos, durante o período de duración do aval.
Así, unha vez que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalante ao aval público recibido, esta axuda "deixará de estar vixente" e, por tanto, non estará obrigado a cumprir con estas condicións. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do próximo 1 de abril de 2025 co 31 de outubro como último día para cubrilas. Ou ben, cando se esgote o crédito de 5 millóns que lle asignou o goberno que preside Alfonso Rueda.
Os beneficiarios dos avais deberán estar empadroados en Galicia e ter menos de 36 anos no momento de presentar a solicitude do aval para a adquisición do seu primeiro fogar. No caso da liña sen límite de idade, os solicitantes deberán cumprir os requisitos esixidos para o acceso ás vivendas protexidas. Para poder obter un destes avais será condición imprescindible que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre o 80 % e o 100 % do importe de adquisición da vivenda, e as contías que abone a persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pago desta débeda hipotecaria.
LÍMITES
Desta forma, o importe máximo da vivenda libre non poderá superar os 260.000 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, os 210.000 euros en Lugo e Ferrol e concellos de tamaño medio e carácter periurbano; ou os 180.000 euros no resto de municipios. Se a adquisición é dunha vivenda protexida, tanto en primeira ou sucesivas transmisións, o inmoble debe contar coa cualificación definitiva como vivenda protexida de protección autonómica na data de publicación da convocatoria, e o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.
Os beneficiarios deberán acrditar uns ingresos anuais mínimos de dúas veces o Iprem (16.800 euros) e un tope de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros). Se a compra a realiza máis dunha persoa, o límite conxunto ascende a 54.600 euros, é dicir, 6,5 veces o Iprem. No suposto de adquisición de vivenda protexida, os ingresos serán os que determinen a súa normativa reguladora e non se aplicarán os indicados anteriormente citados.
ACCESIBILIDADE
Doutra banda, o Consello da Xunta deste luns tamén deu luz verde á convocatoria de axudas para mellorar a accesibilidade nas vivendas, dotadas con 5,3 millóns de euros de orzamentos cos que está previsto executar obras interiores e exteriores en máis de 745 inmobles de tipo residencial. Desta forma, como explica o Goberno galego nun comunicado, promoveranse actuacións para instalar ascensores e salvaescaleiras, melloras de acceso desde a vía pública, a dotación de produtos de apoio, sistemas de guiado ou sinais luminosos e sonoros.
AFORRO ENERXÉTICO
Ademais, a reunión semanal do Executivo autonómico autorizou a posta en marcha do primeiro proxecto piloto para tratar de sacar rendibilidade económica ao aforro enerxético no sector público a través do sistema de certificados de eficiencia enerxética. Este sistema pretende incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes, así como reducir custos para os consumidores e fomentar a innovación, ademais de xerar beneficios económicos e sociais ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.