Máis de 2,9 millóns de euros da Xunta a unha plataforma para os estudos xenéticos realizados no Sergas

Sanidade contratará por máis de 7,2 millóns o servizo de lavandaría para os hospitais de Santiago e Ribeira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A Xunta investirá algo máis de 2,9 millóns de euros por tres anos para ter unha plataforma "de última xeración" coa que xestionar a "crecente demanda" de medicina xenómico no Servizo Galego de Saúde (Sergas). En concreto, a Consellería de Sanidade elevou este luns á reunión semanal do Goberno autonómico un informe sobre a contratación deste instrumento tecnolóxico que permitirá dar resposta ás peticións de estudos xenómicos, é dicir, os que permiten diagnosticar e facer seguimento de patoloxías relacionadas coa herdanza xenética, como enfermidades raras e cancros.

En 2024, o Sergas chegou a realizar 38.000 estudos xenéticos a petición dos facultativos. Efectúaos a Fundación Xenómica a través de mostras de sangue, de tumores ou de biopsia líquida, remitidas tanto desde os servizos de anatomía patolóxica como de hematoloxía dos hospitais públicos. A nova plataforma permitirá reducir e optimizar os tempos para obter resultados, á vez que aumentará a precisión e a calidade dos mesmos. Tamén servirá para cubrir as necesidades do proxecto 'Xenoma Galicia', que ten o obxectivo de solicitar os datos clínicos de 400.000 persoas de 35 a 70 anos para coñecer o perfil xenético da poboación galega.

LAVANDARÍA DOS HOSPITAIS DE SANTIAGO-BARBANZA

Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou este luns que o Sergas contrate, por máis de 7,2 millóns de euros, o servizo de lavandaría para os hospitais da área sanitaria de Santiago-Barbanza: o Clínico Universitario, o Gil Casares, o Provincial e o Psiquiátrico de Conxo, e o de Ribeira. O contrato será por dous anos, aínda que se prevé unha prórroga por outro máis, o que faría que o valor estimado da licitación alcanzase os 10,7 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta licitará este mesmo mes de marzo as obras de mellora e mantemento da residencia de maiores Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei. Suporá un investimento de case 312.000 euros para renovar o sistema de canalización de auga quente sanitaria, entre outras actuacións.

Reunión do Consello da Xunta
Reunión do Consello da Xunta | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta