A CIG entrega na Xunta máis dun milleiro de firmas para reclamar un convenio galego en escolas infantís privadas

O sindicato denuncia que o colectivo de educadores infantís é "dos máis precarizados laboralmente" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2025 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Un grupo de representantes da CIG entregou este martes nas oficinas centrais da Xunta, en San Caetano, un total de 1.025 firmas para reclamar a negociación dun convenio galego para as escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade privada, ante o seu desacordo coa recente firma do novo estatal. Ademais, os sindicalistas aproveitaron para concentrarse para esixir "mellores condicións de traballo, salarios dignos" e para pedir á Consellería de Política Social e Igualdade unha "interlocución" coas empresas do sector para alcanzar o convenio autonómico.

A CIG denuncia que o colectivo de educadores infantís é "dos máis precarizados laboralmente" en Galicia e que a firma do convenio estatal en Madrid, despois de tres anos, supón simplemente "unha prórroga do anterior que mantén salarios conxelados desde o ano 2021 e por baixo do salario mínimo interprofesional", que sobe por enriba do que o fan os seus soldos. A central nacionalista carga así contra a firma do acordo estatal o 5 de marzo por parte de UGT, USO e FSIE, que "non teñen apenas representación" na Comunidade, e reivindican que a súa campaña recolleu máis dun milleiro de firmas cando, segundo as súas estimacións, nas escolas infantís galegas (tanto públicas como privadas) traballan unhas 2.000 persoas.

Neste contexto, o responsable de Ensino Privado da CIG, Henrique García, apela á conselleira de Política Social, Fabiola García, para "tomar nota dunha realidade que mantén oculta e invisibilizada, permitindo que se dea un servizo 'low-cost' no que ten que ver coa situación laboral e salarial das traballadoras, que nalgúns casos chega á explotación". O sindicato diríxese á Xunta debido a que o programa de gratuidade das gardarías, implantado xa en 2022, supón a subvención do servizo por parte da Administración ás entidades privadas que xestionan estes centros.

A CIG concéntrase ante a Xunta en San Caetano para reclamar melloras laborais en escolas infantís e un convenio propio galego
A CIG concéntrase ante a Xunta en San Caetano para reclamar melloras laborais en escolas infantís e un convenio propio galego | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta