Condenan a Jácome por chamar "inútil e subnormal" e acosar a unha funcionaria e el di que "non ten a culpa"

O fallo determina que se infrinxiu a normativa en materia de prevención de riscos laborais en relación á ex xefa de Comercio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2025 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social Número 2 de Ourense emitiu, con data do 17 de marzo, unha sentenza que determina que o Concello de Ourense e o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), deberán pagar "de forma conxunta e solidaria" a unha funcionaria 30.000 euros en concepto de "indemnización por danos morais" e outros 18.685,25 como indemnización pola súa incapacidade temporal.

En concreto, o fallo estima parcialmente a demanda formulada por Stella González, funcionaria e ex xefa do servizo de Comercio no Consistorio, contra o Concello e o rexedor. Así, a sentenza declara que o Concello e Jácome infrinxiron a normativa en materia de prevención de riscos laborais en relación con esta funcionaria, "procedendo o cesamento de toda conduta que constitúa infracción de normas preventivas e que continúen provocando un dano á saúde da demandante".

Nos seus feitos probados, a sentenza recolle como, anos atrás --nunha etapa na que era concelleira María Dibuja--, o rexedor presionábaa para que a funcionaria en cuestión resolvese "como el quería" determinadas cuestións. Tamén que "diante doutros traballadores dixo á (entón) concelleira que a actora era inepta, inútil, subnormal; mandou á feira de luces en Alemaña a un amigo seu e a un asesor ninguneando á actora; e pediu a outras persoas facer informes que tiña que ela tiña que realizar".

O Concello de Ourense avanzou que presentará un recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nun comunicado, o goberno local sostén que non comparte a resolución xudicial e confía en que o alto tribunal valore os seus argumentos. O alcalde secundou o mesmo mensaxe.

"NUNCA SERÍA CULPA DO ALCALDE"

"O Concello e un servidor recorreremos ao TSXG pola sentenza que establece que o Concello infrinxiu a normativa de prevención de riscos laborais", sostén Jácome, pola súa banda, nunha rede social. "Algo que, de ser certo, nunca sería culpa do alcalde (que se limitou a resolver sobre a base de dous informes técnicos) senón, en todo caso, un suposto fallo da maquinaria administrativa municipal", agrega.

REACCIÓNS

Desde a oposición, as críticas foron contundentes. Luís Seara, do BNG, cualificou a Jácome de "alcalde acosador" e denunciou un "clima laboral insustentable" no Concello, con tres sentencias por acoso e "miles de euros en indemnizacións que deben asumir os cidadáns".

Pola súa banda, o Partido Popular instou ao rexedor a "respectar aos traballadores municipais e garantir unha contorna laboral libre de presións e humillacións", ademais de obxectar que esta nova sentenza confirma un comportamento reiterado.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Carallo co Xulgado do Social de Ourense ! indemnización por danos morais 30.000 €urazos ! Imos ver que sucede no recurso ante o TSXG ! Doble ou Nada ?