(Vídeo) Brais das Hortas: coñecemos ao músico retranqueiro que fai zumba cun sacho

Tras lanzar o seu último tema, 'SachoZumba', que o está petando nas redes sociais, Brais cóntanos como é o seu proceso creativo, cal é a súa visión sobre o humor e a música como ferramenta para entender a vida e, sobre todo, canto do Brais que está enriba da tarima hai logo na vida real.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/03/2025 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Brais das Hortas é un deses artistas polifacéticos que é bo para todo. Músico, cómico e narrador, o seu traballo combina a retranca galega cun fondo amor pola tradición oral e a música de raíz. Cunha traxectoria de máis de 26 anos ás súas costas que o ten levado xa por escenarios de toda Galicia, a súa proposta mestura historias subrrealistas, sátira e un virtuosismo musical que converte cada unha das súas actuacións nunha experiencia única, a cada cal máis tola que a anterior. Galicia Confidencial fala con el tras o lanzamento do seu último tema 'SachoZumba', que o está petando nas redes sociais acompañado dun videoclip que non deixa indiferente a ninguén. Brais cóntanos como é o seu proceso creativo, cal é a súa visión sobre o humor e a música como ferramenta para entender a vida e, sobre todo, canto do Brais que está enriba da tarima hai logo na vida real.

Brais das Hortas
Brais das Hortas | Fonte: Cedida

Como nos conta, a súa traxectoria nos escenarios non comezou pola banda do humor, senón da música. "Ao comezo facía cousas que nada tiñan que ver co humor", afirma. Sen embargo, "eu miraba á xente que facía humor e encantábame", confesa. "Miraba a Carlos Blanco, Kiko Cadaval e outros e eu non me imaxinaba que puidese facer algo así, algo tan complicado como facer rír á xente, parecíame unha cousa imposible", conta Brais. Con todo, os camiños da vida fórono levando pouco a pouco da música á narración oral, na que xa comezou a implementar pequenos guiños destes grandes referentes do humor, "de maneira moi orgánica, moi natural". E é que, como explica, "ao crear os contos tamén precisaba meterlles algo de humor, porque así me saía a min de dentro".

Foi así, aos poucos, como foi probando cousas e "a verdade é que vin que me funcionaban bastante ben e que non me custaba tanto como pensaba o humor, cría que sería moito máis difícil", asegura. Pero, o máis importante para el é que "cando facía rír ao público encantábame, desfrutábao moito". Hoxe por hoxe, o humor xa é materia indispensable en calquera dos seus espectáculos e afirma que, se del depende, así o seguirá sendo sempre, porque ademais de facerllo pasar ben ao público, tamén el o pasa ben: "Se eu non o paso ben, a cousa non funciona", chancea. Para Brais, facer rír non é algo baladí, senón que en realidade trátase do máis difícil de todo dentro do espectáculo. "Facer que as cousas sexan graciosas e entritadas é a parte máis complicada de todas, con diferencia", resalta.

Neste senso, tamén considera que "o humor é algo moi cultural", de maneira que "non fas rír coas mesmas cousas á xente duns lugares que á xente doutros". Así, apunta a que "xa non só é que o humor que funciona en Galicia non funcione tan ben fóra, senón que, mesmo dentro de Galicia, non é o mesmo facer rír a unha persoa da zona luguesa ou do interior que a unha persoa da Costa da Morte, por exemplo, non lle fan graza as mesmas cousas, porque non teñen os mesmos referentes necesariamente". Por iso, resalta que "para facer humor non hai un segredo máxico, é cousa de ir probando e chequeando o que funciona e o que non, con que xente funciona e con cal non, en que zona si e en cal non". Con todo, se algo ten claro Brais é que, "se dalgún punto tes que partir, é de que che faga graza a ti primeiro, porque se xa a xente ve que ti o pasas ben, todo é moito máis doado".

"AÍNDA SON MÁIS ANIMAL COA MIÑA RETRANCA NO DÍA A DÍA QUE NO ESCENARIO"

Brais das Hortas
Brais das Hortas | Fonte: Cedida

Para Brais a risa é algo fundamental para a subsistencia humana, pois "é un factor de comunidade, de relaxación entre individuos, de poder facer algo en común para sentirse máis a gusto e mellor". Na súa opinión, "todos, necesariamente, precisamos rirnos e relaxarnos nalgún momento, e a risa é un liberador de tensións". De feito, sinala que "outra maneira de facer humor tamén é a de ir tensionando á xente máis e máis para resolverlle no último intre esa tensión e que estoupen a rir". "Sempre hai un feixe de recursos para provocar a risa, pero, se en esencia, o espectáculo non é auténtico e divertido, é moi difícil que resulte", afirma. No seu caso, aposta pola creación do seu universo único e, en cada show, trata de levar ao público ao seu mundo. "Eu teño o meu propio código de humor e gústame que a xente veña visitalo ao meu universo, no meu imaxinario", confesa.

Agora ben, canto hai do Brais que se sube ao escenario na vida real? "Pois hai cousas en común e cousas que son súper diferentes", asegura. Entre as máis en común destaca o sentido do humor. "Eu teño moito sentido do humor no día a día, son moi retranqueiro e, de feito, de paisano son máis bestia empregando a miña retranca, porque sobre os escenarios córtome algo máis, non chego a ser tan animal como na vida real", explica entre risas. E é que, como lembra, "ao final fago moitos espectáculos infantís, como o 'Consertasso na Horta', no que remato salpicando aos cativos co pelo mollado despois de meter a cabeza na taza do váter, e aí tes unha certa responsabilidade tamén co que dis aos pequenos". Ademais, asegura que "teño espectáculos moi desfasados, mentres que eu na miña vida cotiá son moi tímido e vergoñento".

Ao preguntarlle por algún espectáculo en concreto que lembre con especial cariño ao longo da súa traxectoria, Brais destaca que "en todos os bolos que fago se dán situacións moi esperpénticas e divertidas". Pero, por destacar un dos máis recentes, conta que "nun dos meus últimos bolos, en Ribeira, deuse unha situación de tolería total: atopeime ante un grupo de chavales moi guerilleiros e que viñan moi desfasados e pasámolo moi guai, ata me atrevín a tirarme entre eles, logo empecei a gravar co móbil que un rapaz me tirou ao escenario... Foi todo un despropósito, moi divertido". Con todo, confesa que cando se ten un bo material, todos os espectáculos adoitan saír ben e ser moi bos, de maneira que, "chega un punto no que xa te acostumas a un nivel de enerxía moi elevado coa xente e, cando non sae tan ben, quedas medio rallado, preguntándote que sairía mal". Pois non hai que esquecer que un espectáculo non se crea da noite para a mañá, senón que toma o seu tempo.

"CREAR UN 'SHOW' LÉVAME 3 ANOS, PORQUE POÑERSE DIANTE DO PÚBLICO, ADEMAIS DE DIFÍCIL, É UNHA RESPONSABILIDADE"

"Custa moito crear unha proposta da nada, tes que ir pulindo as ideas, ter a valentía e a paciencia para asumir o que fas mal, ir corrixindo bolo a bolo cousiñas...", detalla Brais. "Non é doado chegar a ter iso que por fin sabes que vaias ao sitio que vaias vai funcionar que 'te cagas'", sinala. No seu caso concreto, apunta que "a min calquera espectáculo lévame uns tres aniños, tres aniños non mos quita ninguén". E son tres anos duros de "traballalo moito e de dárlle moitas voltas ás cousas antes de saír a un escenario defendelas". "Ata chegar a poñerte enriba do escenario hai moitísimo que facer antes, moitos anos de mirar letras, de pulir estrofas, de facer arranxos musicais, de medir o ritmo do espectáculo, de elixir o vestiario, de cadrar a escenografía, de pensar como lanzar a cousa nas redes...", apunta.

Dende o seu punto de vista, "non serve chegar con calquera cousa, pois poñerse diante do público, ademais de difícil, é unha responsabilidade, sobre todo no meu caso, que traballo moito con público infantil e familias, aos que non lles podes transmitir uns modelos ou valores negativos porque non teñen a traxectoria vital como para ter o criterio de discernir o bo do malo". Aínda así, tamén confesa que nos seus espectáculos para nenos, "gústame tratar aos cativos como o que verdadeiramente son: persoas pensantes e sentintes ao mesmo nivel dun adulto, a pesar de non contar coa súa mesma bagaxe vital". E detesta eses outros espectáculos infantís nos que "se trata aos nenos coma se fosen un pouco parviños". "Iso non mola", reivindica. De feito, asegura que "moitas familias se achegan a agradecerme despois dos bolos por non tratar aos seus nenos coma se fosen parvos".

E como lle chega a Brais a inspiración para facer os seus shows? Pois, como confesa, "sempre hai un momento na vida no que algo che vai facer moita graza e que vas querer incorporar". "Eu cando se me ocorría algo sempre o deixaba gardado nunha caixiña para futuras creacións, deixando que medrase, coma se se tratase dunha horta, botándolle o seu abono e deixándolle os seus tempos, ata chegar o intre exacto no que é o momento da colleita e de empregalo", explica. O propio tema 'SachoZumba' naceu así, "dunha pedrada na cabeza". "Pensei que estaría moi guai facer zumba cun sacho e comecei a dárlle forma á idea, xogando con ela e engadindo cousas aos poucos", sinala. Para o videoclip traballou co cámara Adrián Porima, que, como el mesmo di, "deixoume unha tomas moi guapas que logo editei ao estilo das animacións dos vídeos de 'Just Dance'". Se tivese que resumir a esencia deste tema nunha frase, non dubida que "a súa filosofía é a de: 'aguántame el cubata'".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta