Nacho Mirás, guía para futuros xornalistas

Unha bolsa levará o nome do xornalista finado para que recén titulados en Xornalismo poidan iniciar o seu proxecto de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/05/2016 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O rabudo universal terá o seu xusto recoñecemento. Nacho Mirás, que faleceu hai uns meses logo de batallar durante anos cun cancro, dará nome a unha bolsa para futuros xornalistas.

Nacho Mirás na presentación do seu último libro
Nacho Mirás na presentación do seu último libro

A iniciativa parte do Colexio de Xornalistas de Galicia e Abanca, que este xoves presentan a Bolsa “Nacho Mirás”, dotada con 5.000€,  para recen titulados en Xornalismo. O obxectivo desta bolsa é que os xornalistas que acaban de saír da facultade teñan unha posibilidade real de pór en marcha proxectos profesionais que sen financiamento non poderían ver a luz.

Por outra banda, a Facultade de Ciencias da Comunicación, da que Mirás foi profesor asociado, tamén decidiu homenaxealo poñéndolle o seu nome a unha das aulas do centro. 

Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, salientou, durante a presentación desta bolsa, o “carácter emblemático” de Nacho Mirás como xornalista e como profesor do centro durante seis anos: “A profesión hai que reinventala e Nacho fixo moito por iso”. Por esta razón, anunciou que a facultade iniciou os trámites para que a aula de informática número 2 leve o seu nome. 

Isaac González Toribio, Director de Comunicación e Relacións Institucionais de Abanca, afirmou que Abanca, dentro da súa política de responsabilidade social corporativa, “ten unha preocupación por que os novos atopen oportunidades nos seus lugares de procedencia”. A esta inquietude, centrada no xornalismo “que está pasando por unha etapa crítica” quere dar resposta a convocatoria desta bolsa.

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, agradeceu a presenza da compañeira de Nacho Mirás, Ainhoa Apestegui, e asegurou que, “desde o primeiro momento, a Xunta de Goberno do CPXG quería facer algo na memoria” do xornalista falecido. Pereiro sinalou que “nunha época moi mala para vivir do xornalismo pero, ao mesmo tempo, moi boa para facelo, a creación desta bolsa pode axudar aos novos profesionais a abrise camiño”. O decano afirmou que “a idea destas bolsas reforzase pola memoria de quen sempre defendeu a súa valía, o espírito de facerse valer, de formarse o máximo posible e defender así o posto de informador”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta