Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/07/2016 | Actualizada ás 14:50
Para o próximo 25 de xullo xa hai convocadas polo menos dúas manifestacións en Santiago. A dun grupo de independentistas e dende hoxe a convocada polo BNG baixo o lema “Galiza Viva. Soberanía e traballo”.
A Executiva do Bloque desoe así as voces críticas internas. A través do “Chamamento de Vidán”, destacados persoeiros da fronte -incluído o ex-voceiro nacional Xavier Vence- non aliñados co discurso oficial pediron que se aproveitara a celebración do Día da Patria para tender pontes con outros nacionalistas. Reclamaron publicamente unha convocatoria non partidaria, similar ao do ano pasado. Cómpre lembrar que en 2015 marcharon xuntos militantes do BNG, ANOVA, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida ou Podemos grazas a unha iniciativa cidadá nacida nunha reunión en Conxo.
Argumentacións do Bloque
A convocatoria propia de hoxe non implica que o BNG non queira camiñar canda nacionalistas doutras formacións. Así o explicou Goretti Sanmartín, quen dixo que “todas as persoas que sintan este país un corazón nacionalista, para nós son persoas que están chamadas a participar na manifestación do 25 de xullo”.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra tamén fixo un chamamento para que o Día da Patria os cidadáns penduren nas súas casas unha bandeira galega, “unha bandeira patriótica”. A política incidiu en rolda de prensa en Santiago, canda o seu compañeiro de Executiva Rubén Cela, que “temos un país vivo, dinámico, o único que necesita é soberanía, de aí o noso lema”. Sanmartín volveu a desbotar unha posíbel alianza electoral coas mareas porque a prioridade da fronte é “formar un eixo centrado na alternativa nacionalista e conseguir a unidade do nacionalismo galego sen ser sucursais doutras forzas centrais.”
Os independentistas media hora despois do BNG
A marcha do Bloque partirá, como é habitual, as 12 horas da Alameda. Tamén como é habitual, pouco despois, contra as 12:30 horas sairía do mesmo lugar unha marcha convocada por independentistas, baixo o lema “Irmás, irmaos, em pé! Contra a repressom e polas liberdades democráticas plenas”.
Desta volta a manifestación dos independentistas non está artellada por ningún colectivo concreto, ao estar disoltos (NOS UP) ou ilegalizados (Causa Galiza) os grupos que as viñan organizando; aínda que na convocatoria deste ano colaboren persoas que participaron na organización de pasadas marchas o Día da Patria Galega.
Mareas e outros colectivos
Enfrascados moitos deles nas negociacións dun pacto para as eleccións autonómicas, outros colectivos nacionalistas (ANOVA, Foro Galego, etc.), galeguistas (Compromiso por Galicia, Terra Galega, etc.) ou que defenden o dereito a decidir do pobo galego (Podemos, Esquerda Unida, etc.) aínda non fixeron pública a súa postura nin a súa axenda de eventos cara o 25 de xullo. O ano pasado marcharon na manifestación común, imaxe de unidade que, salvo sorpresa de última hora, non se repetirá este ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.