A dereita mobilízase contra En Marea e Fernán Vello

O PP, dende as súas contas oficiais en Twitter, e centos de afiliados e simpatizantes dos populares e de toda a dereita e ultradereita españolas, participan nunha acción masiva contra a segunda forza política de Galicia e o seu deputado no Congreso logo de que este pedise desculpas por un chío ofensivo cara os galegos. Non é a primeira vez que a dereita española se organiza para atacar a Miguel Anxo Fernán Vello.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/09/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A dereita española organizou unha nova campaña sen tregua contra En Marea e o seu deputado Miguel Anxo Fernán Vello. A escusa, desta vez, un desafortunado chío que o deputado galego publicou na súa conta en Twitter, no que cualificaba ao pobo galego de "ignorante" —tras a vitoria do PPdeG nas eleccións do 25S— e polo que pediu posteriormente desculpas. Arrepentimento que non lle bastou ao PP nin aos seus simpatizantes, malia que non é costume neste partido pedir desculpas públicas por outras ofensas dalgúns dos seus cargos aos cidadáns.

Miguel Anxo Fernán Vello
Miguel Anxo Fernán Vello | Fonte: enmarea.gal

O certo é que Miguel Anxo Fernán Vello cometeu un erro de principiante en Twitter: publicar un chío en quente e ofensivo, que feriu moitas sensibilidades, sen medir as consecuencias que ían ter estas palabras: "Estraño pobo o noso: «escravos» que votan ao amo, ao «señorito», ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado e ignorante. Triste". Pronto, a polemica creceu como a escuma, aderezada, para máis inri para Vello, pola campaña de carraxe e desprezo por parte de centos de usuarios de Twitter de toda España contra os galegos, cualificados como "subnormales", "putos", "paletos", "aldeanos", "borregos", "analfabetos", "ignorantes", "fachas", "fascistas", "gilipollas", "narcotraficantes" ou "corruptos", polo resultado dos comicios en Galicia. Así as cousas, Vello rectificou e pediu publicamente desculpas: "Rectificar é preciso. En «quente» podemos expresar ideas desacertadas. O pobo falou e ten todo o meu respecto. As miñas desculpas se ofendín", publicou. Pero dende a dereita española non lle ían dar tregua. Vello, como representante de En Marea no Congreso dos Deputados en Madrid, vén sendo obxectivo prioritario para o PP, na súa campaña para tentar desprestixiar a En Marea.

AS OFENSAS DA DEREITA

Resulta cando menos contraditoria esta belixerancia da dereita española, especialmente nos casos do PP e tamén de UPyD, partidos que contan no seu historial con famosas e numerosas ofensas públicas de importantes cargos e representantes seus que, sen embargo, pasaron por alto. Por exemplo, aínda retumban na memoria colectiva dos galegos estas palabras de Rosa Díez cando lideraba UPyD: "Zapatero es gallego, en el sentido más peyorativo del término". Nunca pediu desculpas nin rectificou. Do lado do PP quedaron gravadas para a posteridade as 'peinetas' do ex-presidente de España José María Aznar a un grupo de mozos na Universidade de Oviedo e a do ex-tesoureiro do PP e imputado no caso Gürtel, Luis Bárcenas, a uns cidadáns que lle chamaban "corrupto" no aeroporto de Barajas. Non houbo nunca desculpas dos ofensores nin do seu partido. Estes son só algúns exemplos das moitas ofensas que se poden atopar no historial da política española, en xeral, e da dereita, en particular.

Porén, no caso de Fernán Vello, malia ter pedido desculpas publicamente, a dereita está disposta a esmagalo, a diferenza do que fixo cos seus. O deputado e escritor galego vén sendo un dos obxectivos prioritarios do PP nos últimos tempos para desprestixiar a En Marea. Así, recentemente foi obxecto doutra campaña masiva en redes sociais orquestrada por senadores, deputados e concelleiros do PP, que publicaron fotos de Vello tomadas na sala de embarque do aeroporto de Barajas e no interior dun avión de pasaxeiros, tras a última sesión de investidura errada de Mariano Rajoy, acusando ao deputado de En Marea de voar en primeira clase con cartos públicos, con cargo ao Congreso. Daquela, foron centos os afiliados e simpatizantes do PP que participaron nesta campaña de desprestixio e á que Fernán Vello respondeu mostrando as tarxetas de embarque dos seus voos entre Galicia e Madrid, en clase turista. Apenas tres semanas despois, Vello enfróntase a outra campaña do PP contra el e o seu partido. A Vello pídenlle nin máis nin menos que a dimisión do seu cargo como deputado. E de novo saíu a defenderse:

"O PP monta unha campaña de caza a este deputado fóra de todo sentido cando esta tarde Guindos non veu comparecer ao Congreso. É ridículo", comentaba onte na súa conta en Twitter o deputado e poeta galego, quen engadía: "Un PP inzado de corrupción, cunha Rita Barberá que aínda non demitiu, atrévese a perseguirme por un chío de Twitter desafortunado. Ridículo!".

Pero os seus argumentos para a súa defensa non rematan aí: "Senadores e deputados do PPdeG están a tratar de lincharme por un tuit que rectifiquei, mentras eles non rectificaron a corrupción", argúe Fernán Vello.

A CAMPAÑA DO PP

GC monitorizou entre as 16.00 e as 23.00 horas deste martes todos os chíos e rechíos con mencións directas á conta do deputado galego, @FernanVello, e tamén daquelas mensaxes que incluían o nome do representante de En Marea en Madrid. En total, procesamos 1.717 chíos para "@FernanVello" e 461 para "Fernán Vello". E descubrimos que as contas oficiais do PP estatal e do PP de Galicia contribuíron de forma decisiva á campaña de desprestixio dirixida contra o representante de En Marea. De feito, o PP mesmo publicou unha nota na súa páxina web que compartiu nas redes, con declaracións da portavoz adxunta do Grupo Popular, Marta González, nunha comparecencia canda outros once deputados populares, na que expuxeron: "A pesar de saber que publicou outro tuit cunha especie de desculpa consideramos que esa desculpa non é suficiente e que realmente ofendeu ao pobo galego, que nos elixiu a todos os que estamos aquí e a el tamén". Por iso, os populares consideran que Fernán Vello "ten que dar explicacións e pedir desculpas serias e contundentes, xa que do contrario, non está capacitado para exercer esa representación que lle deron os votos. Polo tanto, debería dimitir e deixar o seu posto a alguén más capacitado".

Menos formal e máis belixerante foi o community manager do PP de Galicia, quen, malia que Vello xa demostrou que non tiña billetes de avión de primeira clase, non se lle ocorreu outra cousa que volver sacar o tema das viaxes do deputado de En Marea, aproveitando a polémica de onte: "Esa reflexión fixéchela durante un dos teus viaxes en business pagados por ese «pobo alienado» que che fixo deputado? Apertas", dirixiu, nun galego pouco afortunado, o PPdeG a Vello en Twitter, coas fotos do aeroporto e do avión.

Tamén UPyD Galicia aproveitou a onda popular para pedir a Vello o que non lle esixiu a Rosa Díez cando lideraba este partido en España e ofendeu a todos os galegos, pero sen pedir nunca desculpas: "Las disculpas se piden dimitiendo. Una persona que insulta al pueblo al que representa, no es digno de tal puesto", dirixiu a conta oficial desta formación política ao deputado de En Marea

Na campaña tamén participaron afiliados e simpatizantes da dereita española, que encheron Twitter de mensaxes contra Vello e que recibiron centos de rechíos. Entre os máis destacados, polo apoio recibido, estiveron Tania de Ois (@taniadeois), quen mantén unha intensa actividade política en Twitter a prol do PP e contra En Marea, Podemos, PSOE e resto de forzas da esquerda; Mercedes Romón (@mromvi), moi belixerante coa esquerda e partidaria de Ciudadanos; Mi otro yo (@Miotroyo2parte), usuario ultradereitista e xenófobo; Ramon Rouco (@rouco64), especialmente obsesionado co PSOE, pero tamén con desprestixiar a outras forzas de esquerda; Liberal Enfurruñada (@MuyLiberal), colaboradora do xornal de dereitas Ok Diario, dirixido polo polemista Eduardo Inda; Pepe Romero (@PEPEROES1972), simpatizante do PP que se autodefine como "conservador católico"; Rosa Gallego (@rgallego6), deputada provincial do PP de Galicia e portavoz dos populares no Concello da Coruña; Luisa Cid (@CidLuisa), tamén concelleira do PP na Coruña; Dolors Montserrat (@DolorsMM), portavoz adxunta do Grupo Popular no Congreso dos Deputados; David Diez Nieto (@David10Nieto), do PP da Coruña, e Gonzalo Trenor (@gonzalotrenor), deputado do PP no Parlamento galego. 

VISUALIZACIÓN DA POLÉMICA

A continuación amosamos a estrutura da rede de conexións establecidas en Twitter por mencións e rechíos arredor de Fernán Vello, unha nube de palabras nas que se destacan as que máis peso tiveron nas mensaxes dirixidas ao Deputado de En Marea e, por último, as mensaxes e usuarios que máis rechíos acadaron entre as 16.00 e as 23.00 horas deste martes, intervalo no que GC monitorizou os chíos relacionados co deputado e escritor galego Fernán Vello (clic nas imaxes para velas máis grandes).



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 68 comentarios

39 mara PPutrefacta

Como ¿? pero que dicen.... e que calquer galego esta en contra deste señor, cando dixo que facia folga de fame o estilo "ghandi" polas masacres yihistas de siria e logo foi a fartarse de marisconadas... e de viños galegos (ribeira do Duero, finito laina jerez).... ou cando dixo que non tiña cartos no banco... o que dixo e o que fixo e de dimisión, pero os chamados beiristas esta o acubillo do vello, do tolomancio opresor!!! marea esta fracasada e morta...

38 Galegus

Se o tentan non queda máis claro, a esquerda e os nacionalistas insultando aos galegos, mentres que a dereita deféndeos. Como sempre. Onde están os que se metían con Rosa Díez por moitísimo menos?

37 Celeiro

Se Fernan Vello tivese dignidade, dimitiria. O dano esta feito, non abonda con disculpas. Outro como a Pam que insultou a mulleres e coxos, e segue tan pancha. Quermos diferenciarnos do Partido Podrido e actuamos igual que eles defendendo impresentables. Dedicate a poesia ou as merendolas, que na politica xa sobras. Con deputados asi perdemos votos a miles: identificados xa ben sendo hora de que responsabilicemos aos culpables. Aqui e agora, Fernan Vello dimision!!!

1 Teo

Trabúcaste Celeiro. Pam non dixo "puta coxa" senón, textualmente, "Aí vén esa á pata coxa", unha chiscadela lembrando un xogo infantil. Non terxiversedes a realidade nin dar argumentos ao PP.

2 Pata coxa

Teo, ti si que vas á pata coxa http://www.farodevigo.es/galicia/20...

3 Nefelibata

Aquí os únicos que dades votos á dereita sodes os que estades a xustificar o inxustificable na esquerda, os que fuxides de analizar os vosos erros e buscades sempre un inimigo externo... Gustávos a imaxe que vos devolve o espello? Deixade de tratarnos coma se fosemos parvos e vós fosedes os nosos salvadores. Non precisamos salvadores, nin mesías, nin odios cainitas. Precisamos un proxecto de país e as Mareas non foron capaces de proxectalo e cada día fano menos. O único que semellaba guiar a moitos era o afán de acabar co BNG ou o de chegar ao poder ao prezo que fora, aínda que isto supuxera non ter un programa claro entre as diversas forzas e mesmo dese a impresión de que non saberian nin que facer ao día seguinte no hipotético, moi hipotético, caso de gañar. Francamente eu aquí só vexo dous camiños para os mareantes: entrar en Podemos (a quen beneficia enormemente a crise do PSOE) ou converxer co BNG... Digamos as cousas polo seu nome e asumamos a realidade.

36 Leirachá

Un 30% de galegos vota PP. Un 70% non apoia a Feixoó! Deles, somos un 36% os que nos abstemos. Moitos máis que os votantes cautivos e clientelares! Claro que hai abstencionistas conformes. Pero tamén somos moitos os que non visibilizamos alternativa, logo pasamos. A perda de votos de En Marea Podemos en só 9 meses debería facer reflexionar aos deputados e alcaldes. Moito hai que mudar! E Fernán Vello, xunto á insultadora Pam, dimitir. Son os responsables directos da perda de apoios, pero o doado é botar balóns fóra para despistar e seguir mamando como deputado do bananeiro Reino de España.

35 Teo

Fernán Vello ten razón. A metade dos galegos son burros e paletos. Tamén Bescansa está no certo. Os vellos non deben elexir nin ser elixidos. A solución é doada: ilegalizar o PP por corrupto.