Por E.P. | Lugo | 28/09/2016 | Actualizada ás 13:32
O deputado de En Marea no Congreso pola provincia de Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, denunciou este mércores unha "cazaría fascista" contra a súa persoa por parte do PP a través das redes sociais "dende hai meses". En concreto, asegurou que está a recibir ameazas a través de Twitter, algunhas delas "de carácter físico", ante as que aínda non decidiu como actuar.
"Está demostrado que o PP creou unha oficina de perfís falsos para atacar e difamar adversarios políticos. Séntome nun estado de prelinchamento, que é desproporcionado e que supera os límites racionais, é un acto de cazaría fascista", resaltou Fernán Vello.
Estas declaracións prodúcense despois de que o deputado publicase un chío no que se refería aos galegos como "pobo alienado e ignorante" de "escravos que votan ao señorito", en referencia ao resultado das eleccións autonómicas do pasado domingo.
"RIDÍCULO" PEDIR a SÚA DIMISIÓN
Ao respecto, considerou "ridículo" que o PP pida a súa dimisión por este comentario, que posteriormente retirou, porque nese partido "continúan persoas, como Rita Barberá, que non dimiten malia a corrupción". Malia que a ex-alcaldesa de Valencia si abandonou a súa militancia no PP, mantén é o seu escano no Senado.
Con todo, Fernán Vello recoñeceu que a súa publicación foi algo "visceral" e apelou ao seu carácter "metafórico". Ademais, argumentou que poucas horas despois rectificou e pediu desculpas.
"É absolutamente ridículo pedir a dimisión dun deputado por un 'tuit' que rectificou e máis que o faga o PP, que está inmerso en casos de corrupción en todo o Estado", reafirmouse, antes de insistir en que sente "indefensión" ante as "calumnias e ameazas" que di estar a recibir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.