Fernán-Vello: “Hai xente do PP que se solidarizou comigo, o que demostra a súa grandeza humana”

O deputado de En Marea no Congreso fala abertamente nesta entrevista do erro cometido por publicar un tweet ofensivo para os galegos. Di que tentou expresarse como xa fixo Celso Emilio en “Viaxe ao país dos ananos” e denuncia unha campaña organizada contra el desde hai tempo. Asegura estar doído coas críticas dalgúns cargos do BNG contra el, pero aposta por traballar conxuntamente con esta formación. “Alegroume que teña acadado grupo parlamentario”, apunta.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Por que publicaches ese tweet?
Ese tweet escribino sobre as tres da mañá canso e compunxido. Eu viaxaba a Madrid ás poucas horas. Cando cheguei a Madrid xa o eliminei. Considero que foi desacertado, desafortunado e rectifico publicamente. Puxen un novo tweet onde pedín desculpas. E aí quedou a cuestión pola miña parte. Eu non teño ningún problema en recoñecer o erro cometido e pido escusas ás persoas que se puideran sentir ofendidas.

Miguel Anxo Fernán Vello
Miguel Anxo Fernán Vello | Fonte: enmarea.gal

Pero non eras consciente do que iso podía implicar?
No tweet hai un ánimo metaforizante. Cando digo o de escravos póñoo entre comiñas. Obviamente, non considero aos galegos escravos. Iso é un disparate. Iso é metonímico, metaforizante, pero claro, en Twitter iso non se entende. E é un erro meu de non saber o que implica facer iso nunha rede social. Pero non hai ánimo ofensivo contra o pobo galego. Eu remataba cun “triste”. É triste que pase isto nun pobo que sofre tanto a nivel de emprego, de sanidade, de educación... Un pobo maltratado, ferido... e ten unha resposta electoral determinada. Está claro que eu reacciono de xeito visceral. E iso foi o que aconteceu e do que xa pedín desculpas.

Ademais, puxen unha declaración no meu Facebook no que suliño que o pobo galego non é ignorante. En certo xeito, comparo o que fixen co que xa fixo Celso Emilio cando publicou “Viaxe ao país dos ananos” que é visceral e dramático e no que critica duramente a emigración galega en Venezuela, dirixida entón polo franquismo e controlada e amordazada polo franquismo. Cando escribiu iso ninguén dubidada de que amaba o pobo galego que é o que sinto eu.

Non dubido de que ames ao pobo galego, pero non cres que esas declaracións o que fan é ferilo?, non cres que caíches, precisamente, no tópico de ridiculizarnos como pobo por non pensar o mesmo que pensas ti?
Pois é certo. Pero o de votar a caciques xa o dixo Castelao e mesmo Rosalía. E iso está na loita anticaciquil da esquerda. É mostrar esa posición ética-política do dominio que os caciques teñen sobre o pobo. Non había ningún ánimo pola miña parte de agresividade contra o pobo galego. Eu levo toda a miña vida traballando pola cultura galega. Agora que cumpre 25 anos Espiral Maior, da que, por certo, xa non son administrador, pódese ver todo o meu traballo a prol deste país.

Non quero eu que esta entrevista sirva para que pidas desculpas continuamente...
É que xa están pedidas.

Beiras e Fernán Vello chegan a un mitin de En Marea
Beiras e Fernán Vello chegan a un mitin de En Marea

"Desde hai meses son obxecto dunha cazaría organizada contra min que agora culmina nun acto de linchamento por parte da extrema dereita española".

Pero é que as críticas non só choven desde a dereita. Nas redes algunha xente nacionalista tamén te ten criticado.
Si. Dende o ámbito nacionalista xa me teñen criticado desde hai moitos meses. Desde a lexislatura anterior. E son persoas significadas. Francisco Rodríguez ou, agora, Pilar García Negro. Pero eu non vou facer declaracións contra estas persoas que eu consideraba amigas. O certo é que desde hai meses son obxecto dunha cazaría organizada contra min que agora culmina nun acto de linchamento por parte da extrema dereita española, algunha dentro do PP e con perfís falsos. Eu síntome indefenso e teño mesmo ameazas que afectan a miña integridade física. E a iso tamén se suman as críticas de certas persoas da esquerda nacionalista. Piden a miña dimisión, pero eu non vexo que no PP teña dimitido ninguén por casos de corrupción, que xa non por tweets en redes sociais. 

Con todo, eu isto xa llo teño escoitado dicir a xente do BNG noutros procesos electorais. Por que hai entre o nacionalismo galego esa tendencia a responsabilizar ao pobo das vitorias da dereita?
Claro que se ten feito en moitas ocasións.

Pero, por que?
Porque tal vez, desde unha perspectiva política, se tende a dicir que sectores determinados do pobo galego están, por desgraza, alienados e viven nun estado de alienación e dominación e dependencia do cacique. Iso é unha análise de manual. A alienación existe e está moi estudada no plano político e ideolóxico. E iso non é atentar contra ninguén. É unha análise política. Os pobos alienados mentres que non se empoderen pois poden sufrir estes procesos. Por iso eu puña a metáfora do escravo que defende ao amo.

"En Galicia todos sabemos que hai un voto do medo e hai un voto cautivo. É atentar contra o pobo galego denunciar iso?".

Lembro que Fraga dicía que “o pobo era sabio”. Non será que o problema o tedes vós, a esquerda, os nacionalistas, pensando que o pobo está alienado cando vota o que vós queredes que non vote?
En Galicia todos sabemos que hai un voto do medo e hai un voto cautivo. Eu teño visto cos meus propios ollos a carretaxe, a familias enteiras con votos na man controladas polo PP.  Iso é notorio e mesmo hai fotografías e vídeos. É unha democracia moi imperfecta esta que permite iso. A min hai xente que me ten confesado que vota con medo. E sobre iso hai moita información realizada. E é atentar contra o pobo galego denunciar iso?

E como cres que podedes cambiar isto, porque con eleccións parece que non...
Pois en Galicia hai un gran control dos medios de comunicación públicos e privados que, pola súa estrutura social, inflúen na xente. A xornalista Rosa María Artal tamén foi perseguida hai pouco por expresarse libremente dicindo que en Galicia había un franquismo sociolóxico. Pois haberá que ver se perviven formas de franquismo, de dependencia no noso pobo. A democracia debería erradicar estas formas, se é que existen, a través do traballo político, da pedagoxía, sempre coa palabra e con argumentos. É a única posibilidade que temos. Eu sempre defendo aos máis agredidos e tento axudalos.

Pero facendo gala desa pedagoxía da que falas, non podes chamarlle “escravos” a esa xente que logo queres “redimir”...
Xa, xa, e insisto que ese tweet non foi acertado. Foi unha viscelaridade. E non é o que eu penso realmente. E por iso considero inxusto ese acto de cazaría sobre min. Porque eu penso que temos que utilizar a palabra e a pedagoxía e converternos en defensores dos máis agredidos.

En todo caso, Miguel Anxo, que pasa contigo? Porque xa levas sendo o centro da diana política desde hai semanas, primeiro co tema do avión, logo co da presidencia da Comisión de Cultura e, agora, con isto...
Xa comezou na anterior lexislatura, pero se agudizou nesta e non teño certeza absoluta de por que. Hai algo na miña persoa que molesta profundamente a certos sectores. Pero tamén teño que dicir que as ondas de solidaridade que tiven nestas horas son inmensas, centos e centos de persoas. Non dou controlado xa cantas me deron ánimos . E mesmo xente do PP que se solidarizou comigo e demostra unha grandeza humana pola súa banda que eu agradezo profundamente.

E porque aceptachedes en En Marea que sexa Ciudadanos quen presida esa comisión?
Iso non o aceptou En Marea. Ese sistema de elección forma parte de pactos entre as diversas forzas políticas na Cámara. En Marea, que colabora con Unidos Podemos, e con todas as forzas políticas chegamos a un acordo de distribución nas diversas mesas. E cando se chegou a ese acordo non están os nomes dos presidentes. Fíxose a distribución por partidos para que haxa unha distribución plural. Nesa mesa tamén hai un deputado de ERC, do PSOE, para que haxa ese campo de pluralidade. Despois nunha fase final apareceron xa os nomes dos presidentes cando xa había o pacto. Iso non significa que haxa que aceptar o credo político dese presidente. A miña posición como nacionalista de esquerda sobre isto é ben coñecida. E dicir que eu votei iso é unha mentira.

"Hai que lembrar que o BNG na Cámara galega votou a Faga para ser senador e Fraga Iribarne era un franquista que asinou sentenzas de morte. E non pasou nada".

Cargos e militantes do BNG están sendo moi críticos por iso?
Si, pero tamén hai que lembrar que o BNG na Cámara galega votou a Faga para ser senador e Fraga Iribarne era un franquista que asinou sentenzas de morte. E entón non pasou nada. Tamén Bautista Álvarez formou parte da mesa dun Parlamento cuxo presidente era Fraga. E por que hai diferentes varas de medir? E por que se carga contra min por isto? Por que hai outras varas de medir comigo con insultos e descualificacións por parte dalgúns nacionalistas que apoiaron a Fraga?

Falando das galegas, como ves o panorama político a partir de agora?
En Marea pois é a segunda forza en votos e obtivo unha posición moi importante no Parlamento galego, porque é a primeira forza da oposición. E agradézollo a todos os galegos que votaron En Marea. Agora temos que seguir traballando coa ollada posta no 2020, porque penso que temos un excelente candidato que vai estar en primeira liña. Tamén quero dicir que me aledou, e moito, o número de escanos do BNG. Felicitei a Olalla Rodil polo seu escano en Lugo.

Pero 14 escanos non son poucos para liderar a oposición?
Tiñamos expectativas superiores, aínda que algúns medios inflaron os datos. En todo caso, hai certa frustración e, polo tanto, temos que facer autocrítica. Pero temos que seguir traballando por En Marea e por Galicia. Houbo erros que hai que analizar para ampliar e estender a nosa voz.

Ti es de Anova. Os nacionalistas son só os do BNG ou En Marea tamén se pode considerar nacionalista?
En Marea agora ten a configuración de partido instrumental e é unha suma de forzas políticas e unha mestizaxe de expresións políticas diversas. Aí están as mareas municipalistas, hai forzas nacionalistas, tamén internacionalistas. É unha gran alianza das esquerdas que chegan a esa síntese para ampliar o espectro de concienciación da esquerda en Galicia. Eu sempre dixen que o BNG é unha forza irmá. E sinto unha satisfacción polos resultados do BNG e que teñan grupo parlamentario propio. E teñen o meu recoñecemento por iso.

"Agardo unha unidade de acción de todas as forzas políticas de esquerda en Galicia para ter unha capacidade de mellorar as condicións de vida dos galegos".

Pero insisto, pode ser unha ferramenta útil para impulsar un proxecto de construción nacional?
Claro que si, como o foi AGE. E sería bo que outras forzas se sumen a ese proceso, tamén o BNG, porque é unha ferramenta útil para o pobo galego. E por iso agardo unha unidade de acción de todas as forzas políticas de esquerda en Galicia para ter unha capacidade de mellorar as condicións de vida dos galegos.

Incluído o PSdeG?
O PSdeG é outro partido que ten máis de cen anos de historia e está noutro marchamo político no plano ideolóxico. Hai máis coincidencias entre o programa de En Marea e do BNG que do PSdeG. É moito máis o que nos une co BNG do que nos afasta. Hai puntos que podemos compartir, pero hai outros que non. Iso debería ser un modelo de participación e diálogo para que eses puntos en común se manifestasen e producisen beneficios para o pobo galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 31 comentarios

11 Memorial de brancura

Se a Miguel Anxo Fernán Vello continuase a ser do BNG, como foi no seu día, os eternos e inecesarios dirixentes da AELG (a patronal dos escritores galegos) xa tería feito e lanzado vinte comunicados e trinta peticións de sinaturas no seu apoio. Non se trata doutra cousa que do control, para vergoña de caladiños e caladiñas da nosa literatura, que exerce a UPG na súa directiva desde hai anos.

1 Dositeo

Pois nada, contra a patronal dos escritores un sindicato de escrevintes autodidactas: ao fronte das forzas chairegas chega Fernán-Vello a voz do proletariado da pruma: Enciclopedias si, libros non!!!

2 Ted Flanders

Efectivamente! todo o mundo sabe que Nestor Rego mais o doctor maligno conspiran constantemente para que a mediocridade na Galiza non se espalle de mais ....Ademais sospeitase que estaban na conspiración contra Xulio Cesar, así como cómplices coa morte de Viriato e inspiradores de Cain, así como eran concelleiros en Sodoma e Gomorra e o seu traballo era corromper a toda a humanidade.... Si é cos tipos estos da UPG....sonche a ostia.......!

3 Nefelibata

Eu creo que de noite ata se disfrazan de marcianos para que creamos en OVNIS... Coma son estes da U? En fin, a falta de argumentos: consignas... Pero cada día crenvos menos as consignas. Tedes un problema grave.

10 Non mintas ho

Fernán non manipules en clase business home. O BNG votou a favor dun acordo da cámara para poder ter senador, un dos teus, senón tería quedado sen representación no Senado tendo votos abondo para estar alí. Ti se votaras en contra de Marta Rivera de la Cruz só quedarías sen o plus da subsecretaría pero non te expulsarían da comisión cervantina.

1 a8HG

Non te esforces. Teño comprobado que a maioría dos seus votantes non atenden a máis argumento que a culpa foi do chachachá, quero dicir da UPG. Incluso penso que xa se dá o voto oculto entre eles... Por certo, alguén sabe por que non fala Beiras? En calquera caso ao fin este señor admitiu que meteu a pata e xa se está dando un certo encarnizamento con el, probablemente motivado porque xeneran antipatía á dereita e á esquerda xa que estan continuamente presumindo de ser os máis puros, os elexidos... Eu de feito tiña moitas esperanzas na vitoria da esquerda en Galicia, pero despois de ver as "cualificacións" que nos regalaron moitos dos seus simpatizantes e o autoodio que outros amosan... Non sei... En calquera caso ao fin e malia todo veñen sendo dos "nosos"... Daquela maneira, ben o sei...

9 Esa hemeroteca pardiez

Seguro que consideras o BNG unha forza irmá Fernán? Seguro??? http://www.galiciaconfidencial.com/...

1 Nefelibata

Aquí entre nós: esas declaracións fixéronlle moito ben ao BNG. Por outra banda, ai, que triste está o vate! E por certo, alguén sabe onde anda Beiras? Porque aquí dámoslle moita importancia a este señor, pero non vexo que ningún de vós pregunte o esencial: onde esta o profesor Beiras? Este que nos ía traer o paraíso en minutos... En verdade, nunca entenderei esa necesidade de ídolos que tedes algúns... Debe de ser a causa de que xusto cando no estado hai posibilidades dunha reforma territorial nos esteamos con tan poucos representantes nacionalistas e moitos dos que temos sexan coma este señor... E vós sodes os que queredes dar leccións ao resto... Que cousas!

8 M. Meixide

Pódeste presentar a defender, xunto con Beiras, a cociñeira que ofrecía moluscos furtivos (vieiras), e temos que pensar nas boas intencións da túa barriga agradecida arredor dun mantel de restaurante de moitos garfos e máis estrelas. E antes de encherte no restaurante, podes facer unha folga de fame dunha xornada para sair na foto solidaria, e xa cumpriches. Podes viaxar en primeira, pagado por oligopolios e por empresas de diversa decencia, e ti podes intentar negalo, mesmo ante fotos, para acabar admitindo que algunha vez foi. Podes dicir que non votaches pola galegófoba Marta Rivera de la Cruz, insistir en que Marea non é exactamente Podemos senón unha esencia mística que coincide co novo centralismo madrileño que propagandea La Sexta da familia ultradereitista Lara, pero non podes negar os teus corteses sorrisos e abrazos coa fachita Marta.

1 M. Meixide

E podes insistir no chio desafortunado, resulta que como vemos creste de caste superior, acostumas a meter a pata, e xustificas con medias verdades os malos resultados de En Marea: a carretaxe é pasado, en Santiago de Compostela o PP subiu sen carretar. Resumindo, non hai entrevista que salve impresentables como Fernán Vello. O teu tempo na política xa foi. E dalle lembranzas á túa elegante compañeira, a deputada Pam, se cadra precisa de outra entrevista doméstica para que nos aclare o de "puta coja", pode que entendésemos mal e quixese dicir "poca cosa", nada de nada, todo finura.

7 É de xustiza Fernán

Que empecen XA unha colecta en solidariedade, folgas de fame de máis dun día, algo para demostrarlle o cariño que merece o noso enxeñoso deputado cervantino despois da inxustiza upegallo-pepeira-gallega á que foi submetido. E que ninguén se apiada da subsecretaría que vai perder nas terceiras eleccións? Fondo de resitencia XA para el, para Pan e para Procesiones, inminentes ex deputados. A sua incansable laboura a prol do pobo traballador ben o merece