Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 08:00
Por que publicaches ese tweet?
Ese tweet escribino sobre as tres da mañá canso e compunxido. Eu viaxaba a Madrid ás poucas horas. Cando cheguei a Madrid xa o eliminei. Considero que foi desacertado, desafortunado e rectifico publicamente. Puxen un novo tweet onde pedín desculpas. E aí quedou a cuestión pola miña parte. Eu non teño ningún problema en recoñecer o erro cometido e pido escusas ás persoas que se puideran sentir ofendidas.
Pero non eras consciente do que iso podía implicar?
No tweet hai un ánimo metaforizante. Cando digo o de escravos póñoo entre comiñas. Obviamente, non considero aos galegos escravos. Iso é un disparate. Iso é metonímico, metaforizante, pero claro, en Twitter iso non se entende. E é un erro meu de non saber o que implica facer iso nunha rede social. Pero non hai ánimo ofensivo contra o pobo galego. Eu remataba cun “triste”. É triste que pase isto nun pobo que sofre tanto a nivel de emprego, de sanidade, de educación... Un pobo maltratado, ferido... e ten unha resposta electoral determinada. Está claro que eu reacciono de xeito visceral. E iso foi o que aconteceu e do que xa pedín desculpas.
Ademais, puxen unha declaración no meu Facebook no que suliño que o pobo galego non é ignorante. En certo xeito, comparo o que fixen co que xa fixo Celso Emilio cando publicou “Viaxe ao país dos ananos” que é visceral e dramático e no que critica duramente a emigración galega en Venezuela, dirixida entón polo franquismo e controlada e amordazada polo franquismo. Cando escribiu iso ninguén dubidada de que amaba o pobo galego que é o que sinto eu.
Non dubido de que ames ao pobo galego, pero non cres que esas declaracións o que fan é ferilo?, non cres que caíches, precisamente, no tópico de ridiculizarnos como pobo por non pensar o mesmo que pensas ti?
Pois é certo. Pero o de votar a caciques xa o dixo Castelao e mesmo Rosalía. E iso está na loita anticaciquil da esquerda. É mostrar esa posición ética-política do dominio que os caciques teñen sobre o pobo. Non había ningún ánimo pola miña parte de agresividade contra o pobo galego. Eu levo toda a miña vida traballando pola cultura galega. Agora que cumpre 25 anos Espiral Maior, da que, por certo, xa non son administrador, pódese ver todo o meu traballo a prol deste país.
Non quero eu que esta entrevista sirva para que pidas desculpas continuamente...
É que xa están pedidas.
"Desde hai meses son obxecto dunha cazaría organizada contra min que agora culmina nun acto de linchamento por parte da extrema dereita española".
Pero é que as críticas non só choven desde a dereita. Nas redes algunha xente nacionalista tamén te ten criticado.
Si. Dende o ámbito nacionalista xa me teñen criticado desde hai moitos meses. Desde a lexislatura anterior. E son persoas significadas. Francisco Rodríguez ou, agora, Pilar García Negro. Pero eu non vou facer declaracións contra estas persoas que eu consideraba amigas. O certo é que desde hai meses son obxecto dunha cazaría organizada contra min que agora culmina nun acto de linchamento por parte da extrema dereita española, algunha dentro do PP e con perfís falsos. Eu síntome indefenso e teño mesmo ameazas que afectan a miña integridade física. E a iso tamén se suman as críticas de certas persoas da esquerda nacionalista. Piden a miña dimisión, pero eu non vexo que no PP teña dimitido ninguén por casos de corrupción, que xa non por tweets en redes sociais.
Con todo, eu isto xa llo teño escoitado dicir a xente do BNG noutros procesos electorais. Por que hai entre o nacionalismo galego esa tendencia a responsabilizar ao pobo das vitorias da dereita?
Claro que se ten feito en moitas ocasións.
Pero, por que?
Porque tal vez, desde unha perspectiva política, se tende a dicir que sectores determinados do pobo galego están, por desgraza, alienados e viven nun estado de alienación e dominación e dependencia do cacique. Iso é unha análise de manual. A alienación existe e está moi estudada no plano político e ideolóxico. E iso non é atentar contra ninguén. É unha análise política. Os pobos alienados mentres que non se empoderen pois poden sufrir estes procesos. Por iso eu puña a metáfora do escravo que defende ao amo.
"En Galicia todos sabemos que hai un voto do medo e hai un voto cautivo. É atentar contra o pobo galego denunciar iso?".
Lembro que Fraga dicía que “o pobo era sabio”. Non será que o problema o tedes vós, a esquerda, os nacionalistas, pensando que o pobo está alienado cando vota o que vós queredes que non vote?
En Galicia todos sabemos que hai un voto do medo e hai un voto cautivo. Eu teño visto cos meus propios ollos a carretaxe, a familias enteiras con votos na man controladas polo PP. Iso é notorio e mesmo hai fotografías e vídeos. É unha democracia moi imperfecta esta que permite iso. A min hai xente que me ten confesado que vota con medo. E sobre iso hai moita información realizada. E é atentar contra o pobo galego denunciar iso?
E como cres que podedes cambiar isto, porque con eleccións parece que non...
Pois en Galicia hai un gran control dos medios de comunicación públicos e privados que, pola súa estrutura social, inflúen na xente. A xornalista Rosa María Artal tamén foi perseguida hai pouco por expresarse libremente dicindo que en Galicia había un franquismo sociolóxico. Pois haberá que ver se perviven formas de franquismo, de dependencia no noso pobo. A democracia debería erradicar estas formas, se é que existen, a través do traballo político, da pedagoxía, sempre coa palabra e con argumentos. É a única posibilidade que temos. Eu sempre defendo aos máis agredidos e tento axudalos.
Pero facendo gala desa pedagoxía da que falas, non podes chamarlle “escravos” a esa xente que logo queres “redimir”...
Xa, xa, e insisto que ese tweet non foi acertado. Foi unha viscelaridade. E non é o que eu penso realmente. E por iso considero inxusto ese acto de cazaría sobre min. Porque eu penso que temos que utilizar a palabra e a pedagoxía e converternos en defensores dos máis agredidos.
En todo caso, Miguel Anxo, que pasa contigo? Porque xa levas sendo o centro da diana política desde hai semanas, primeiro co tema do avión, logo co da presidencia da Comisión de Cultura e, agora, con isto...
Xa comezou na anterior lexislatura, pero se agudizou nesta e non teño certeza absoluta de por que. Hai algo na miña persoa que molesta profundamente a certos sectores. Pero tamén teño que dicir que as ondas de solidaridade que tiven nestas horas son inmensas, centos e centos de persoas. Non dou controlado xa cantas me deron ánimos . E mesmo xente do PP que se solidarizou comigo e demostra unha grandeza humana pola súa banda que eu agradezo profundamente.
E porque aceptachedes en En Marea que sexa Ciudadanos quen presida esa comisión?
Iso non o aceptou En Marea. Ese sistema de elección forma parte de pactos entre as diversas forzas políticas na Cámara. En Marea, que colabora con Unidos Podemos, e con todas as forzas políticas chegamos a un acordo de distribución nas diversas mesas. E cando se chegou a ese acordo non están os nomes dos presidentes. Fíxose a distribución por partidos para que haxa unha distribución plural. Nesa mesa tamén hai un deputado de ERC, do PSOE, para que haxa ese campo de pluralidade. Despois nunha fase final apareceron xa os nomes dos presidentes cando xa había o pacto. Iso non significa que haxa que aceptar o credo político dese presidente. A miña posición como nacionalista de esquerda sobre isto é ben coñecida. E dicir que eu votei iso é unha mentira.
"Hai que lembrar que o BNG na Cámara galega votou a Faga para ser senador e Fraga Iribarne era un franquista que asinou sentenzas de morte. E non pasou nada".
Cargos e militantes do BNG están sendo moi críticos por iso?
Si, pero tamén hai que lembrar que o BNG na Cámara galega votou a Faga para ser senador e Fraga Iribarne era un franquista que asinou sentenzas de morte. E entón non pasou nada. Tamén Bautista Álvarez formou parte da mesa dun Parlamento cuxo presidente era Fraga. E por que hai diferentes varas de medir? E por que se carga contra min por isto? Por que hai outras varas de medir comigo con insultos e descualificacións por parte dalgúns nacionalistas que apoiaron a Fraga?
Falando das galegas, como ves o panorama político a partir de agora?
En Marea pois é a segunda forza en votos e obtivo unha posición moi importante no Parlamento galego, porque é a primeira forza da oposición. E agradézollo a todos os galegos que votaron En Marea. Agora temos que seguir traballando coa ollada posta no 2020, porque penso que temos un excelente candidato que vai estar en primeira liña. Tamén quero dicir que me aledou, e moito, o número de escanos do BNG. Felicitei a Olalla Rodil polo seu escano en Lugo.
Pero 14 escanos non son poucos para liderar a oposición?
Tiñamos expectativas superiores, aínda que algúns medios inflaron os datos. En todo caso, hai certa frustración e, polo tanto, temos que facer autocrítica. Pero temos que seguir traballando por En Marea e por Galicia. Houbo erros que hai que analizar para ampliar e estender a nosa voz.
Ti es de Anova. Os nacionalistas son só os do BNG ou En Marea tamén se pode considerar nacionalista?
En Marea agora ten a configuración de partido instrumental e é unha suma de forzas políticas e unha mestizaxe de expresións políticas diversas. Aí están as mareas municipalistas, hai forzas nacionalistas, tamén internacionalistas. É unha gran alianza das esquerdas que chegan a esa síntese para ampliar o espectro de concienciación da esquerda en Galicia. Eu sempre dixen que o BNG é unha forza irmá. E sinto unha satisfacción polos resultados do BNG e que teñan grupo parlamentario propio. E teñen o meu recoñecemento por iso.
"Agardo unha unidade de acción de todas as forzas políticas de esquerda en Galicia para ter unha capacidade de mellorar as condicións de vida dos galegos".
Pero insisto, pode ser unha ferramenta útil para impulsar un proxecto de construción nacional?
Claro que si, como o foi AGE. E sería bo que outras forzas se sumen a ese proceso, tamén o BNG, porque é unha ferramenta útil para o pobo galego. E por iso agardo unha unidade de acción de todas as forzas políticas de esquerda en Galicia para ter unha capacidade de mellorar as condicións de vida dos galegos.
Incluído o PSdeG?
O PSdeG é outro partido que ten máis de cen anos de historia e está noutro marchamo político no plano ideolóxico. Hai máis coincidencias entre o programa de En Marea e do BNG que do PSdeG. É moito máis o que nos une co BNG do que nos afasta. Hai puntos que podemos compartir, pero hai outros que non. Iso debería ser un modelo de participación e diálogo para que eses puntos en común se manifestasen e producisen beneficios para o pobo galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.