Por X.M. Fernández | Monforte | 26/10/2016 | Actualizada ás 12:25
O obxectivo do programa “O outono na praza” é darlle contidos á Praza de Abastos, espazo que perdeu o ritmo de actividades que se facían en anos anteriores, e intentar que os monfortinos participen e se involucren para poder potenciar o comercio local.
A programación inclúe a celebración do Samaín con actividades infantís como contacontos, baile de disfraces, obradoiros de maquillaxe ou decoración de cabazas pero tamén está previsto que haxa unha exposición de cogomelos e un mercado de produtos naturais e típicos do outono.
O Alcalde, José Tomé Roca, adiantou tamén que o sábado 12 de novembro terá lugar un magosto popular de 19 a 21 horas fronte á Praza de Abastos.
Ademais do anterior, a programación deseñada polo Concello de Monforte inclúe unhas xornadas de iniciación á micoloxía, haberá clases teóricas e tamén saídas ao monte con guía e degustación. As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán poñerse en contacto co Espazo Gastronómico A Picota e Terras de María Castaña. Por outra parte, haberá unha xornada didáctica sobre o aproveitamento dos recursos do monte no outono.
O alcalde apuntou tamén que para dinamizar a Praza e para que os nenos se familiaricen con ela creouse a chamada pequepraza, un espazo que estará sinalizado no interior do local e que poderá variar de localización en función da actividade. O obxectivo é que os nenos se acheguen ao comercio de proximidade.
As actividades infantís terán lugar os días 29 e 31 de outubro, o 5 de novembro será a xornada dedicada aos cogomelos e as castañas e os días 12 e 13 o mercado de outono. Máis información na web e no facebook do concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.