Por Xesús Veiga | Galicia | 12/12/2009
A forte e grave descualificación do BNG realizada polo ex-presidente Touriño na conferencia promovida pola Fundación Iniciativas XXI semella respostar á mesma pretensión de identificar -na periferia próxima- un responsábel principal da desfeita política rexistrada o pasado 1-M.O recoñecemento do seu fracaso no obxectivo de evitar as confrontacións internas entre os socios gobernamentais foi formulado dende unha óptica presidencialista mais que dende a lóxica dun liderado inevitabelmente compartido.
No catálogo de erros propios non figurou o mais determinante:a pretensión -pouco realista e perigosamente sectaria- de superar a coalición iniciada no 2005 mediante a minoración do peso político e social do BNG.Por iso, no canto de facer unha apoloxía pública das vantaxes que ofrece un modelo de goberno compartido, mais representativo da pluralidade social e menos sometido ás tentacións totalitarias no exercicio do seu labor, optou por deixar constancia do seu malestar anterior e presente.
A experiencia do bipartito é un libro que seguirá aberto moito tempo para aprender dos acertos e dos erros cometidos por cada unha das forzas asociadas.Afortunadamente, non é o catecismo -relixioso ou laico- que nos ofrece o PP, antes con Fraga e agora con Feijoo.
Xesús Veiga Buxán é profesor na Facultade de Económicas da USC e ex deputado do BNG no Parlamento galego.