Por Galicia Confidencial | Lugo | 14/04/2017 | Actualizada ás 13:39
O PSdeG, ou cando menos, unha parte del non esquece o seu pasado republicano. De feito, este vernes, 14 de abril, e cando se cumpre o 86 aniversario da proclamación da II República non foron poucos os socialistas que reinvindicaron o seu republicanismo.
Así, o Concello de Lugo conmemorou esta data cunha ofrenda floral e a lectura dun manifesto na Praza da Soidade, en fronte ao monolito que rende homenaxe á República. Aos actos asistiron varios membros da Corporación municipal, presidida pola Alcaldesa, a socialista Lara Méndez, ademais da Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo.
Críticas ao monarca español
Máis reivindicativos foron as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) que reclaman unha vez mais a instauración da III República Española. “Considerámonos republicanos por razóns ideolóxicas, de memoria e de principios éticos”, indicou nun comunicado o seu secretario xeral, Aitor Bouza.
Bouza indicou que “a defensa da República como modelo de Estado forma parte da nosa identidade política, así como a lembranza dos logros alcanzados na última etapa republicana, derrubada da forma máis vil cun golpe de Estado que nos arrastrou a unha ditadura”.
O líder das XSG evidenciou que “mentres na actualidade en España o xefe do Estado o é por nacemento, a súa persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade, na República o xefe do Estado era elixido por sufraxio universal e non gozaba de privilexios inxustos”. “A xuventude española non se sente identificada con este modelo de Estado porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento”, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.