Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/05/2017 | Actualizada ás 17:57
O xornalista Nacho Mirás ocupa dende este mércores 3 un espazo de seu na Facultade de Ciencias da Comunicación ao dar nome á aula onde impartía a materia práctica de Redacción Xornalística.
A inauguración deste espazo que lembra ao xornalista finado a finais de 2015 quedou formalizada oficialmente coa colocación dunha placa coa nova denominación da Aula. Durante o acto, a xornalista Ainhoa Apestegui, en representación da familia de Nacho Mirás, lembrou a ilusión e o cariño co que o informador acudía a impartir esta materia e como animaba aos alumnos a pesar da mala situación laboral da profesión.
Tamén interviron o vicerreitor e profesor desa facultade, Xosé Pereira; o decano do centro, Xosé Ramón Pousa; e Darío Janeiro en representación do Colexio de Xornalistas. Os tres destacaron a valía e a entrega de Nacho Mirás no desempeño da profesión xornalística.
Este foi un dos actos principais cos que a Facultade de Ciencias da Comunicación conmemorou este 3 de maio o Día da Liberdade de Expresión. A xornada contou coa participación de numerosos compañeiros e alumnos do centro e súmase a outras iniciativas que tanto dende a propia Facultade como dende o Colexio Profesional manteñen viva a lembranza sobre a figura de Nacho Mirás.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.