Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/05/2017 | Actualizada ás 14:15
A Federación Socialista Asturiana (FSA) repartirá os delegados ao congreso federal en base aos resultados acadados nas eleccións do pasado domingo. Un acordo rubricado este mesmo luns, nin 24 horas despois de concluídas as votacións á Secretaría Xeral, e que os socialistas asturianos piden que se estenda ao resto dos territorios.
De ser así, os afíns a Pedro Sánchez faríanse con máis do 50% dos representantes, os "susanistas" con case o 40% e os "pachistas" con pouco máis do 9%. En Asturias a proposta chegou da dirección do partido e foi trasladada nunha reunión a cargo do secretario de Organización do partido, Jesús Gutiérrez, que resultou aceptada por unanimidade.
Esta federación era afín a Susana Díaz. De feito, o seu secretario xeral, Javier Fernández, é o actual presidente da Xestora do PSOE. Con todo, non houbo problemas en chegar a un acordo. Desta maneira, serán 24 os delegados que serán partidarios de Pedro Sánchez, 18 os que apoian a Susana Díaz e 3 os defensores de Patxi López.
Busca de acordo
Non son poucos os dirixentes socialistas que piden que se faga o mesmo no resto das federacións socialistas. En Galicia, esta fórmula non é mal vista polos afíns a Pedro Sánchez que, de levarse a cabo, poderían facerse con 36 dos 54 representantes da delegación galega. Os "susanistas" acadarían entre 14 e 15 delegados e os "pachistas", catro.
A vitoria do ex-secretario xeral en Galicia foi do 66% fronte a 27% e 7%, respectivamente. En poucas autonomías houbo máis apoio para Sánchez que en Galicia. Así, co 100% escrutado Pedro Sánchez acadou 5.442 votos, fronte aos 2.235 de Susana Díaz e os 601 de Patxi López.
Sen embargo, as fontes consultadas por GC apuntan que é "aínda cedo" para avanzar posibles decisións neste sentido e que "queda aínda moito que falar". Entre os dirixentes contrarios a Pedro Sánchez, agás algunhas excepcións, tampouco hai intención de iniciar novas batallas para o Congreso Federal. Por iso, non se descarta que tamén en Galicia se poida chegar a un acordo entre os tres sectores. "Pero hai que ir pouco a pouco", indican.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.