Por E.P. | VIGO | 14/07/2017 | Actualizada ás 13:28
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este venres un chamamento a mobilizarse o próximo 25 de xullo, Día da Patria Galega, para denunciar os "agravios constantes" do Estado con respecto a Galicia, entre os que destacou a negativa á transferencia da autoestrada AP-9.
Nun acto celebrado en Vigo, no marco das actividades previas á celebración do Día de Galicia, Pontón fixo un chamamento aos cidadáns para saír á rúa o 25 de xullo e mobilizarse contra os "agravios constantes" do Estado.
A este respecto, ademais de lembrar que as pensións galegas "son as segundas máis baixas" e que a mocidade está condenada a "emigrar en masa", centrou as súas críticas na negativa do Goberno á transferencia da xestión da autoestrada AP-9, "pagada con diñeiro público e coas peaxes", cos que a concesionaria Audasa "segue facendo caixa día si e día tamén".
Ana Pontón denunciou que "hai un 'acordo' entre o Ministerio de Fomento e Feijóo para que nada cambie e continúe o agravio". "A Fomento parécelle excelente a xestión de Audasa, que cada ano centos de galegos queden 'secuestrados' nas colas e que a empresa siga facendo caixa", ironizou a portavoz nacional do BNG, e engadiu: "É un auténtico disparate e unha estafa".
Por outra banda, criticou que o presidente da Xunta "agora inventa outro argumento" para xustificar que non se faga a transferencia. Así, esixiulle que explique "como poden ser 7 millóns de euros o problema, e que Rajoy teña 4.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas".
"PARIPÉ" DE FEIJÓO E ESIXENCIAS A AUDASA
A este respecto, a dirixente a nacionalista denunciou que "Feijóo foi de farol, e todo foi un paripé" con respecto á transferencia, á vez que prometeu que o BNG "seguirá traballando" para conseguila, porque os galegos "non teñen que ser menos" que vascos ou cataláns, que levan décadas xestionando as súas autoestradas.
Segundo subliñou, á marxe das transferencias, "no curto prazo hai que ser esixentes con Audasa", e reclamou a Xunta e Fomento que demanden á empresa "levantar as barreiras" cando hai colapso na autoestrada; rebaixar as peaxes, "polo menos mentres duren as obras"; e "impor sancións, porque é a única linguaxe que entenden". "Os galegos merecemos un trato digno, e Audasa fai o que lle dá a gana porque llo permiten a Xunta e Fomento", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.