Por Alberto Quian | O Grove | 10/08/2017 | Actualizada ás 14:00
En setembro de 2016, científicos do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), en Nigrán, documentaron na ría de Arousa a morte dunha cría de arroaz polo ataque de dous machos adultos. Aínda que este caso de infanticidio entre delfínidos non é único —xa se observaran antes machos atacando crías en augas de Escocia e de Estados Unidos, por exemplo—, si é inusual pola escaseza de relatos sobre estes ataques a crías até a morte para causar na femia un adianto do celo. Pero o máis sorprendente foi a reacción da nai, que loitou durante horas até a extenuación por manter viva a súa cría. Agora, este caso insólito e outros dous acontecidos en augas galegas achéganse á comunidade científica internacional nun traballo publicado no Journal of the Marine Biological Association do Reino Unido.
Os casos confirmados de infanticidio e o comportamento epimelético asociado —coidados que a nai ofrece á cría— son moi raros nesta especie, polo que os eventos sucedidos en Galicia son claves para aportar luz sobre estes comportamentos entre delfíns e, máis concretamente, nos arroaces (Tursiops truncatus).
"Este é un dos poucos estudos no mundo no que se confirma este tipo de comportamento agresivo nos golfiños (o infanticidio) e á súa vez inclúe unha descrición precisa sobre o comportamento de aflición das nais tras a morte das súas crías que raramente foi documentado en mamíferos non humanos", explica a este xornal Bruno Díaz López, director do BDRI e autor principal do estudo.
Os científicos galegos aportan no seu traballo evidencias de comportamentos infanticidas e epimeléticos en arroaces. As circunstancias baixo as cales ocorreron estes casos encaixan, segundo os autores dos achados, nas condicións propostas baixo a hipótese da selección sexual. É dicir, os machos adultos matan a cría para adiantar un novo celo na femia, reducindo o tempo no que se volve sexualmente receptiva.
A primeira descrición de infanticidio en arroaces e de calquera especie de cetáceo foi realizada en 1998 en Escocia. Con todo, as observacións directas deste comportamento no mar son moi raras, o que fixo difícil comprender o contexto ou a causa do infanticidio. De feito, até agora só foran achegados cientificamente tres casos observados ou sospeitados de infanticidio en arroaces.
A achega dos científicos de tres casos documentados de infanticidio nas rías de Muros, Arousa e Pontevedra é fundamental para entender mellor estes estraños eventos.
A descrición máis detallada e convincente da agresión de individuos adultos a crías fora rexistrada en 2014 en Moray Firth (Escocia), onde varios machos adultos dirixiran un ataque contra unha femia e a súa cría, gravemente ferida despois de intensos combates. Outros dous casos sospeitosos de infanticidio tamén foran reportados en 2009 en Estados Unidos, fronte a costa de Florida e en 2016 en Xeorxia. Todas estas observacións foron consideradas intentos de infanticidio baseándose na natureza dos ataques, pero en todos estes casos as causas da morte das crías non foron apoiadas por exames post-mortem xa que non foi posible recuperar os cadávares. Por isto, a achega dos científicos galegos de tres casos documentados nas rías de Muros, Arousa e Pontevedra é fundamental para entender mellor estes estraños eventos.
Os datos para este traballo recolléronse como parte dun estudo lonxitudinal sobre arroaces que habitan a costa galega. En dous dos tres casos observados (casos 2 e 3), o cadáver da cría foi recuperado inmediatamente despois das observacións de campo e necropsiado en 24 horas de acordo cun protocolo estándar definido pola European Cetacean Society.
CASO 1: RÍA DE MUROS
O primeiro caso de infanticidio en arroaces documentouse na ría de Muros o 14 de xullo de 2014. Alí, os científicos observaron un exemplar adulto cun recén nado, xunto con polo menos outros seis adultos que os arrodeaban. Durante os seguintes 20 minutos, os adultos foron vistos acosando ao par adulto-cría dunha maneira aparentemente coordinada, con algúns emparedando o par mentres outros golpeaban e separaban a cría do adulto (presumiblemente a nai), chegando mesmo a lanzar ocasionalmente fóra da auga o individuo recén nado. Posteriormente, os ataques superficiais aumentaron con golpes de cola, tralo cal un adulto rexurdiu coa cría inmóbil sobre a súa cabeza.
Durante os seguintes minutos observouse o adulto acompañante (presumiblemente a nai) sostendo o cadáver por enriba da superficie. Observadores confirmaron a morte da cría ao identificar o corpo flotando inmóbil na superficie da auga.
Desafortunadamente, non foi posible recuperar o corpo, pero a causa da morte probablemente estaba relacionada cos ataques dos adultos, sosteñen os científicos.
CASO 2: RÍA DE AROUSA
O segundo caso documentado produciuse o 11 de setembro de 2016 na ría de Arousa, á altura do concello de Rianxo, onde os pescadores locais avisaran do varamento dunha cría de arroaz atacada por golfiños adultos. O grupo de adultos foi seguidamente monitoreado polos científicos durante aproximadamente dúas horas e cuarto, a uns 400 metros da costa na parte interior da ría.
Os investigadores confirmaron a presenza dunha cría morta arrodeada por dous arroaces adultos, un macho e unha femia, a cal mantiña a frote o cadáver mentres o macho circulaba arredor deles en sentido contrario ás agullas do reloxo. Pouco despois, e de súpeto, o gran arroaz macho adulto emerxeu empurrando o corpo da cría baixo a auga. O macho comezou a dar voltas enerxicamente con inmersións continuas da cola e cambios abruptos de dirección. A nai entón colocouse entre a cría e o macho adulto e pasou a sostela morta mentres nadaba.
Un segundo arroaz macho foi descuberto nadando a uns 80 metros de distancia, mentres o primero macho identificado se lanzaba directamente contra a nai e a cría, separándoos. A partir de entón, o mesmo macho cargou contra a cría, sosténdoa baixo a auga. Posteriormente, o mesmo agresor golpeou a cría co seu pedúnculo, lanzando o seu corpo a uns 2-3 metros de altura. A nai foi observada facendo secuencias de inmersións regulares e circundando o macho e a cría. Logo, seguida polo macho, a nai apareceu coa súa cría morta enriba súa. Minutos máis tarde, a femia foi vista repetidamente tratando de entrar entre o corpo da cría e o macho adulto, que seguiu agredindo o recén nado, lanzándoo fóra da auga coas súas arremetidas. A femia puido de novo facerse co cadáver e bloqueou repetidamente o macho, pero este puido finalmente alonxalo da zona. Máis tarde, a nai puido achegarse de novo ao adulto e o cadáver, pero a medida que pasaba o tempo a resposta da femia volveuse gradualmente menos vigorosa.
A femia sempre permaneceu preto do corpo da cría, pero nunca foi vista en contacto físico co agresor masculino. Finalmente, tras horas de agonía e de loita desesperada, os científicos puideron observar a femia e o macho adultos rumbo suroeste, deixando a cría morta a uns 200 metros de distancia. A estes dous individuos sumouse logo o segundo adulto masculino identificado, chegando a distanciarse da cría até uns 900 metros. Tras dúas horas e cuarto de observacións, os científicos recolleron o cadáver para a necropsia.
O neonato era un macho de 32 quilos de peso e 150,5 centímetros de lonxitude. Estimouse que estaba nos seus primeiros días de vida e determinouse que o animal estaba en boas condicións físicas. Os científicos identificaron laceracións paralelas regularmente espaciadas na pel, características das marcas que causan os arroaces adultos cando deslizan os seus dentes nunha superficie cutánea. O individuo exhibiu tamén múltiples lesións internas ante-mortem, incluíndo hematomas na cabeza e no tórax, fracturas de costela con hemorraxia asociada, contusión grande no maxilar inferior , dislocación atlanto-occipital (Figura 4B) e as vértebras torácicas fracturadas e luxadas. As fracturas producíronse só no lado esquerdo do tórax. Outras observacións incluíron hematoma occipital, hemorraxia abdominal, laceracións hepáticas e contusións múltiples de tecido brando.
A necropsia indicou que a causa da morte foi trauma severo.
CASO 3: RÍA DE PONTEVEDRA
A terceira observación dun caso de infanticidio en arroaces produciuse só un día despois do observado na ría de Arousa. Neste caso foi na de Pontevedra, o 12 de setembro de 2016, cando pescadores locais identificaron o cadáver dunha cría que fora vista antes arrodeada por varios arroaces adultos. Neste caso tamén se puido recuperar o corpo para a súa análise no laboratorio. Cando os pescadores levaron a cría á beira, os outros golfiños achegáronse moi preto da costa e fixéronse notablemente máis activos con inmersións e saltos, mostrando bruscos cambios de dirección.
Na necropsia comprobouse que o neonato era unha femia de 28 quilos de peso e 128 centímetros de lonxitude. Estimouse que estaba nos seus primeiros días de vida e determinouse que se atopaba xa en descomposición moderada. A cría mostraba evidencias externas de lesións, cunha ferida grande a través da rexión do maxilar inferior. O cranio presentaba varias fracturas e o maxilar inferior e os oídos internos estaban ausentes. Múltiples laceracións cutáneas superficiais foron achadas en diferentes partes do seu corpo, froito das mordeduras. A cría exhibiu ademais múltiples lesións internas ante-mortem, incluíndo hematomas na cabeza e no tórax, costelas fracturadas e luxadas a ambos os lados do tórax. Outros achados incluíron múltiples contusións de tecido brando e bilaterais.
A necropsia indicou que a causa da morte foi trauma severo.
Os ataques dos machos ás crías até a morte pretenden que a femia adulta entre antes na época de celo.
SELECCIÓN SEXUAL E PROTECCIÓN MATERNA
As circunstancias baixo as cales o infanticidio ocorreu entre arroaces en augas galegas encaixan, segundo os científicos, nas condicións propostas para a hipótese da selección sexual. É dicir, os ataques ás crías até a morte pretenden que a femia adulta entre antes na época de celo, o cal permitirá o apareamento aos arroaces agresores moito antes do tempo previsto, uns tres anos, ata que o pequeno arroaz abandonase a súa nai
Agora, este estudo engade nova información sobre o infanticidio e o comportamento epimelético asociado desta especie, sendo de gran valor para a comunidade científica, xa que os casos documentados son escasos e o seu contexto socio-conductual segue sendo pouco comprendido. De feito, o estudo corrobora, entre outras cousas, que estes episodios infanticidas poden ser orquestrados por un só individuo ou por varios individuos cooperantes á vez. Os eventos reportados implican esencialmente unha persecución prolongada e agresións repetidas, mesmo lanzando o corpo das crías fóra da auga.
O estudo documenta por primeira vez o infanticidio e o comportamento epimelético asociado en arroaces na costa noroeste da Península Ibérica.
A dificultade dos investigadores para observar este tipo de comportamento in situ e atopar cadáveres en boas condicións para determinar a causa da morte das crías elevan o valor deste estudo, que documenta por primeira vez o infanticidio e o comportamento epimelético asociado en arroaces na costa noroeste da Península Ibérica.
Aínda que xa había relatos científicos previos do comportamento epimelético en arroaces en relación coa morte dunha cría, ningún estudo confirmara as causas da morte nos casos estudados en distintas partes do mundo. Polo tanto, os dous últimos casos presentados neste estudo —nas rías de Arousa e Pontevedra— teñen un gran valor científico, xa que se logrou determinar a causa do falecemento mediante exames post-mortem.
En ambos os casos conclúese que o ataque de arroaces violentos foi a causa da morte dos neonatos. Apóiase así a hipótese que xurdiu das observacións de campo no primeiro caso, o da ría de Muros, isto é, que a cría foi intencionalmente asasinada por individuos adultos, e confírmase que as femias adultas mostran compartamentos epimeléticos coas súas crías cando son atacadas por outros arroaces.
O caso documentado en Arousa é especialmente valioso e descritivo, xa que durante horas os biólogos puideron seguir e documentar con imaxes o ataque á cría e a agónica loita da nai por mantela a frote e reanimala, subíndoa ao seu lombo e procurando que non se afundise. Un feito extraordinario, xa que en todo o mundo apenas se documentaron media ducia de casos de infanticidio entre arroaces e poucas veces se vira antes unha femia desta especie defender a súa cría ante os ataques de machos adultos. Os numerosos hematomas e múltiples roturas vertebrais, principalmente con serios danos no fígado, rotura de costelas e dislocación de vértebras lumbares e a nivel occipital terminaron coa cría, de apenas unha semana de vida.
O estudo, titulado 'Infanticide attacks and associated epimeletic behaviour in free-ranging common bottlenose dolphins (Tursiops truncatus)', está asinado por Bruno Díaz López, Alfredo López, Pablo Covelo e Séverine Methion.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.