Por Xurxo Salgado | Lousame | 25/08/2017 | Actualizada ás 12:37
Xunta e entidades ecoloxistas non se poñen dacordo sobre as conclusións dun informe encargado por Augas de Galicia sobre os residuos que acumulan as presas mineiras de San Fins, en Lousame. A Xunta apuntaba hai unhas semanas que non había “perigo” de rotura destas presas, non obstante, a asociación Vida e Ría asegura que o informe en cuestión alerta do importante desastre ambiental que podería provocar en toda a comarca se chegaran a romper.
“No caso da presa 2, cuxo encoro se encontra practicamente colmatado, ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa“, asegura o informe que data de xuño de 2017.
Ademais, recoñece que non se pode estimar o perigo dos residuos alí acumulados. “De cara á restauración da zona do Dominio Público Hidráulico, sería preciso retirar os áridos acumulados nos dous enconros e realizar a xestión dos mesmos segundo corresponda en función da súa natureza”, indica e pide “avaliar a composición química dos sedimentos”.
Non obstante, Vida e Ría denuncia que a propia observación visual permite verificar a simple vista a presencia de metais precipitados en todo a zona de encoro, “o que se explica polas altas concentracións de metais pesados que verificaron as analíticas de Augas de Galicia nese mesmo punto”, indica.
O informe de Augas de Galicia tamén detalla as características das presas. Así a maior delas ten 12 metros de altura e 50 metros de cumprimento. O volume estimado de residuos mineiros acumulados é de 33.879 metros cúbicos (aproximadamente 55.000 toneladas) aínda que recoñece o “elevado grado de incertidume” do cálculo, ao descoñecer a cota do leito orixinal. As dúas presas constan como parte das instalacións mineiras de San Fins ata que se deixaron de presentar plans anuais de labores no ano 2000.
Vida e Ría denuncia que a Xunta de Galicia, e en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, continúa dificultando o proceso de investigación retendo a información relevante e non respondendo aos requerimentos de informes doutros departamentos da Xunta. Por iso, reclámalle que realice “de forma urxente” os estudos necesarios para coñecer a súa perigosidade, a cantidade de residuos acumulados e os riscos para a seguridade das presas.
“Non hai perigo”
Non obstante, a Xunta insiste en que “non se pode inferir que haxa un risco alto de rotura inmediata”. Así contestaba a Consellería de Medio Ambiente hai unhas semanas na Cámara Galega tras as conclusións do informe de Augas de Galicia.
A Xunta apuntaba que realizou un “informe descritivo das presas de cara a avaliar a súa situación e características”. Sobre a titularidade desas presas –que entidades ecoloxistas e partidos políticos vinculan coas empresas mineiras--, Medio Ambiente indicaba que non atopara “datos concluíntes sobre a titularidade das presas”, aínda que matizaba que “para o caso de que tivese formado parte da explotación ou se tivese construído para darlle servizo volverase a requirir á empresa para que dea cumprimento ao solicitado e garanta a seguridade da presa”.
Por outra banda, e ante unha restauración do espazo natural afectado polas presas mineiras, a Xunta limitouse a indicar que “na resolución de autorización de vertido que se outorgue, se esta procede, impoñeranse a esta explotación todos os condicionantes que sexan necesarios para o cumprimento da normativa”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.