A filla do detido por un lume doméstico: “Pido aos galegos que axuden a meu pai e que non se deixen enganar”

Sara Martínez explica a Galicia Confidencial a dura situación que vive o seu pai, o primeiro detido en relación á vaga de incendios que asolou o país estes días. É responsable dun lume imprudente na súa propia leira que queimou menos dunha hectárea da súa propiedade, fronte ás máis de 35.500 que arderon no país estes días, sen responsables. A familia asegura que non houbo investigación policial na finca para coñecer os feitos e causas. Con todo, pode enfrontar unha pena de até cinco anos de cárcere por isto.

Por Alberto Quian | Vigo | 22/10/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Sara é a filla de Miguel Ángel Martínez Novoa, exhibido antes os medios de comunicación como o primeiro detido responsable da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro. Pero Miguel Ángel —recoñecido defensor da natureza entre os grupos ecoloxistas do país— só foi responsable, cando asaba chourizo, dun fogo doméstico na súa leira en Os Blancos (Ourense), onde quedou queimada menos dunha hectárea en chan da súa propiedade. Un accidente que pouco ten que ver coas máis de 35.500 hectáreas arrasadas nesta vaga de lumes que a propia Xunta cualificou como "intencionada".

Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Malia a decisión da xuíza, Miguel Ángel estivo aillado até o mediodía deste sábado, cando puido reencontrarse en prisión coa súa muller, Maica, e os seus fillos. Unha desconsolada Sara decidiu sacar afouteza e falar con Galicia Confidencial da situación do seu pai e da familia, e dos feitos acontecidos dende o pasado domingo negro. Dura e firme, entre bágoas, fala de "maltrato" da Garda Civil, dalgúns medios de comunicación e da Xustiza ao seu pai, acusa a Xunta de "non facer nada" e di que Miguel Ángel é un "cabeza de turco" sometido a "linchamento público". Indignados na familia, así explica Sara a GC a situación logo de poder falar por vez primeira co seu pai cara a cara, previa cita para poder velo en prisión. 

Como está a familia?

Estamos indignados pola detención do meu pai. Estamos moi mal, moi mal... Chorando moitísimo. Pero tamén sacando forzas para transmitirllas a el e darlle ánimo.

Que se dixeron?

Dixémoslle que estamos con el e que imos loitar porque isto é unha inxustiza. El díxonos que cometeu un erro, que é consiciente, pero todos sabemos que non é para tanto como se di nalgúns medios. Non falamos moito, só lle dimos ánimos e bicos para que non se derrube.

Exemplar de La Voz de Galicia no que comparten a mesma páxina publicidade de Turismo da Xunta e unha noticia da detención dun home por queimar accidentalmente menos dunha hectárea da súa leira, primeiro arrestado en relación á vaga de lumes que asolou Galicia.
Exemplar de La Voz de Galicia no que comparten a mesma páxina publicidade de Turismo da Xunta e unha noticia da detención dun home por queimar accidentalmente menos dunha hectárea da súa leira, primeiro arrestado en relación á vaga de lumes que asolou Galicia.

Contoulles como leva estes días?

Contounos a súa experiencia, si, e deunos a entender que o trataron bastante mal. Nós estamos indignados co trato que tivo a Garda Civil con el [a versión do detido e da familia e amigos é que se presentou voluntariamente no cuartel de Vigo e que, sen explicacións nin orde de detención, foi apresado e derrubado ao chan, retorcéndolle os brazos; logo sería levado a un centro hospitalario para ser atendido durante seis horas e pasou varios días incomunicado en prisión].

"É moi duro ver como a prensa, algúns medios, está tratando a meu pai. Estamos moi indignados".

Por que non puideron velo até o sábado, cando a xuíza ditou prisión provisional sen fianza pero comunicada?

No momento que o detiveron fomos a comisaria, pedimos velo ou falar cando menos con el por telefono, pero só lle deixaron un minuto a miña nai cando o levaron a prisión. Dende entón non soubemos nada del, como estaba... Non deixaron. E para poder velo tivemos que ir pedir cita previa, que nola deron para este sábado. Dende o mércores estivo totalmente incomunicado até este sábado. E cando fumos velo a prisión só puidemos falar con el 40 minutos no locutorio.

Como están asimilando todo o rebumbio mediático que suscitou a detención do seu pai, a exhibición pública que se fixo del, detido e levado ante xornalistas e cámaras?

Estamos fatal [chora desconsolada]. É moi duro ver como a prensa, algúns medios, están tratando a meu pai. Estamos moi indignados co trato que lle están dando algúns medios. Lin cada cousa sobre o meu pai nalgúns xornais que... Estou fatal [voz crebada]. Así que eu estou movéndome moito en redes con xente que nos coñece, porque meu pai é ecoloxista puro e duro, cen por cen. Os grupos ecoloxistas e todo o mundo que o coñece están indignados e deféndeno a morte.

"Non é normal que se poña toda a atención sobre meu pai cando arderon máis de 35.500 hectáreas e non hai responsables dos incendios que de verdade queimaron Galicia".

Que pensan?

Estamos moi indignados co trato que lle deron tanto os medios como a Garda Cicvil e a Xustiza. Todo é desmesurado, tamén a condena que lle piden por unha imprudencia na que arderon catro arbores. Meu pai é un cabeza de turco puro e duro. Non é normal que se poña toda a atención sobre meu pai por esta nimiedade cando arderon máis de 35.500 hectáreas e non hai responsables dos incendios que de verdade queimaron Galicia.

E da Xunta?

Ninguén se puxo en contacto con nós. Non fan nada. Mesmo a investigacion estamos a facela nós, porque eles, Goberno, Xustiza e Policía, non moveron un dedo. O mais doado é buscar un cabeza de turco, penso xa non como filla, senón como cidadá. Isto é un linchamento público; parace como un complot...

"Ninguén foi investigar, a recoller probas, todo seguía este sábado no seu sitio como quedou polo lume o domingo. Como van investigar os incendios se nin sequera recollen probas?".

A que se refire con que están facendo vostedes a investigación?

Na tarde deste sábado fomos á leira onde se produciu o lume e atopamos alí todo tal cal o describe meu pai para explicar que sucedeu, que foi un accidente. Alí, tirados no solo e calcinados seguían, case unha semana despois do fogo, o móbil e as chaves do coche que di que se lle caeron cando tentou apagar o lume e pedir axuda; alí seguía igual o lugar onde fixo o lume... Ninguén foi alí investigar, a recoller probas, todo seguía na tarde deste sábado no seu sitio como quedou polo lume. Como van investigar os incendios se nin sequera recollen probas? Ademais, alí ardeu menos dunha hectárea e alí seguía todo. Este é un exemplo de como se investigan os lumes. Por iso chamamos pola tarde á Garda Civil para que o vise. É obvio que o lume foi involuntario, pequeno e dentro da nosa leira.

Ten algunha mensaxe que enviar a alguén?

Si. Eu pido sobre todo ao pobo galego, ao pobo da nosa terra, que nos axude, que axude a meu pai, que non se deixe enganar e que loite pola nosa natureza, que é o que fixo sempre meu pai; os ecoloxistas loitamos sempre pola nosa natureza, por iso pido aos galegos que loiten para que se faga xustiza, non so co meu pai, senón con todo este problema dos incendios, e que busquen aos verdadeiros culpables. Hai que poñerse en pé; o pobo unido pode facer moitas cousas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

9 Eu mesmo

Paus de cego ou chivo expiatorio. Si por unha hectárea o home é tratado así, nin quero pensar o que lle farán ao das 3.500!!!. Ah, non, que seguro que é un tapado de Ence e a estos non os persiguen...

1 Axustador mecánico

Detrás dos lumes estan os intereses mineiros de ceo aberto ....Dstruen as forestas para que acatemos de bo modo esas empresas que estragan e non crean emprego . A os únicos que sacarán mordida son os amiguetes da xunta....Que xogamos??

8 María

Animo a toda a familia. Él non é culpable da problemática do lume en Galicia.

7 Mou

Non creo que este home sea un terrorista incendiario, nin moito menos que fora tan valente, inconscente ou tolo, como para ir apalear a todo o cuartel da garda civil.

6 Gamela

Galicia escoita, As Neves está en loita !!! https://youtu.be/ooeXmOnpvus

5 Yoo

Esta chica se olvida que su padre se presentó en en el Cuartel con un perro, y con un palo, y que cuando los agentes fueron a hablar con él, lo primero que hizo fue azuzar al perro contra los guardias y herir a un agente. Este agente, un teniente, tuvo que se atendido en el hospital por las heridas que le produjo el detenido, así que muy inocente no lo veo yo. Si no tienes nada que temer no vas con un perro y un palo a un Cuartel. A todo esto, el delito de incendio por imprudencia existe.

1 José

És un mentiroso

2 Anonymous

Yoo, para facer esa afirmación tan contundente deberías identificarte (ou podería facelo a Policía telemática), aportar as probas e denuncialo... ou asumir as consecuencias xudiciais de tal afirmación se non é certa por, como mínimo, delito contra a honra dese señor. Falar por falar ás veces pode conlevar consecuencias graves... Algúns entendedes mal que é a liberdade de expresión... e carecedes ademais da máis mínima empatía.