A cafeína contamina as rías galegas

As Rías Baixas teñen altos índices de contaminación por esta substancia alcaloide, segundo un estudo realizado por investigadores de distintas institucións científicas do Estado. A Illa de Arousa ten as augas máis contaminadas no Estado por cafeína e entre as tres máis afectadas en Europa das analizadas. Raquel Dafouz, principal investigadora do estudo, explica a Galicia Confidencial os resultados das análises realizadas e as causas e consecuencias deste tipo de contaminación.

Por Alberto Quian | Madrid | 20/11/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A cafeína é un contaminante emerxente que se considera un indicador de contaminación humana que foi amplamente detectado en varios sistemas acuáticos, especialmente en augas continentais. Con todo, aínda non se determinou o alcance do seu posible impacto ambiental. Un grupo de investigadores de distintas institucións científicas do Estado determinou a presenza de cafeína e avaliou o risco ambiental que presenta esta substancia nas rías de Galicia. Os resultados indican que determinados puntos das augas galegas mostran altos índices de concentración desta substancia.

Ría de Pontevedra / Gabriel González en www.flickr.com/photos/gaby1/37232183582.
Ría de Pontevedra / Gabriel González en www.flickr.com/photos/gaby1/37232183582.

Esta substancia alcaloide atopouse presente en concentracións superiores ao límite de cuantificación (LOQ = 3,07 ng L-1) en 15 das 23 mostras analizadas —nas rías de Pontevedra, Arousa e Muros e Noia—, coa concentración máis alta en auga de mar en valores de 857 ng L-1 na Illa de Arousa, a máis alta medida en auga de mar en España e a terceira en Europa, aseguran os científicos. A segunda maior concentración foi medida en Bueu, con 289 ng L-1. O límite de cuantificación é a concentración máis baixa á cal o analito (neste caso, a cafeína) pode cuantificarse cunha precisión e veracidade aceptables baixo as condicións experimentais establecidas.

A nivel rexional, a ría de Pontevedra mostrou algúns dos niveis máis altos de presenza de cafeína, con todas as mostras cunha concentración maior a 10 ng L- 1. A maior concentración por rías tamén se deu na de Pontevedra (104,4 ng L-1), seguida por Arousa (86.59 ng L-1) e Muros e Noia (16.75 ng L-1).

En Europa existen poucos estudos publicados sobre a presenza de cafeína en auga de mar, atopándose a concentración máis alta (3.068 ng L-1) nunha mostra obtida no estreito de Dardanelos, en Turquía. A segunda concentración máis alta de cafeína en Europa documentada atopouse en Italia (1.110 ng L-1) .

Os estudos internacionais revisados mostran que as concentracións máis altas de cafeína atopadas no mar foron atopadas en Australia (11,000 ng L-1) e Xapón (8230 ng L-1), mentres a concentración máis alta de auga en esteiros mediuse nos Estados Unidos (5860 ng L-1).

Seis das 22 mostras de auga das rías galegas analizadas resultaron nun cociente de risco (HQ) por exposición crónica superior a 1, sendo 17.14 a máis alta, o que indica, segundo os autores do estudo, unha alta probabilidade de efectos adversos no ambiente acuático.

As distribucións de exposición ambiental xeradas a partir dunha revisión bibliográfica dos niveis de cafeína reportados previamente en catro dos cinco continentes, mostraron que o 28% de todas as mostras de auga de mar e o 69% de todas as mostras de auga de esteiros onde se mediu cafeína resultou nun cociente de risco maior de 1 para exposición crónica.

Os investigadores recoñecen que aínda se requiren máis estudos sobre os posibles efectos adversos que poden xurdir da exposición á cafeína nos sistemas acuáticos. De feito, a necesidade de ter unha comprensión máis profunda dos efectos ecotoxicológicos a longo prazo da cafeína é esencial para garantir a calidade da nosa saúde e do medio ambiente.

Os resultados do estudo publícanse na revista científica Science of The Total Environment co título 'Does the presence of caffeine in the marine environment represent an environmental risk? A regional and global study'.

Na investigación participaron científicos da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Agronómica, Alimentaria y de Biosistemas da Universidad Politécnica de Madrid, do Grupo de Investigación y Docencia en Toxicología Ambiental y Evaluación de Riesgos (TAyER) de la Universidad Rey Juan Carlos, da empresa Seguridad y Bienestar Animal S.L., do Departamento de Ciencias Biolóxicas da Universidade de Calgary (Canadá), do Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua del CSIC en Barcelona, do Instituo Catalán de Investigación da Auga e do Departamento de Medicina y Cirugía, Psicología, Medicina Preventiva y Salud Pública e Inmunología Microbiología Médica y Enfermería y Estomatología da Universidad Rey Juan Carlos.

A principal autora da investigación, Raquel Dafouz, explica a Galicia Confidencial os resultados.

"As concentracións atopadas de cafeína nas rías galegas consideraríanse como de risco aceptable".

Cal é a razón deste estudo e por que se fixo nas rías galegas?

A cafeína é un contaminante emerxente que se considera indicador de contaminación humana e que foi amplamente detectada en varios sistemas acuáticos e, a día de hoxe, non se determinou o alcance do seu posible impacto ambiental.

A presenza de cafeína nas rías galegas tampouco se estudou ata a data. De feito, realizáronse moi poucos estudos sobre a presenza de contaminantes emerxentes no noroeste de España.

O estudo levouse a cabo nas rías galegas pola súa grande importancia ecolóxica, que inclúe corais, moluscos, peixes, anemones e algas entre outras especies de alto valor ecolóxico. Ademais, o Parque Nacional das Illas Atlántica, que se atopa entre as rías de Arousa e Pontevedra, contén un dos ecosistemas máis diversos de todo o litoral español. A singularidade ecolóxica das rías, unida á súa elevada produción de mariscos e peixes de elevado consumo a nivel mundial, permitiron suscitar o interese sobre a calidade da auga mariña.

Que conclusións sacaron?

Que dada a importancia das rías galegas como ecosistema de gran valor e como centro económico de produción pesqueira e de bivalvos para o consumo humano, hai que seguir investigando nos efectos ecotoxicolóxcos que a cafeína poida ocasionar nestas especies, especialmente vulnerables á contaminación.

Son preocupantes os niveis de cafeína detectados nas rías galegas?

En base á bibliografía revisada do noso estudo e aos datos obtidos, as concentracións atopadas de cafeína nas rías galegas consideraríanse como de risco aceptable tanto para o ecosistema como para a saúde humana.

"O terceiro dato con maior nivel de concentración de cafeína en augas mariñas europeas correspondería a unha mostra analizada no presente estudo na Illa de Arousa".

En comparación con outras zonas do Estado español, de Europa e do mundo, en que situación se atopan as rías galegas? 

Existen escasos estudos realizados sobre a presenza de cafeína en auga mariña en Europa. As maiores concentracións atopadas foron as detectadas por Nödler et al. (2014) nunha mostra mariña situada entre Grecia e Turquía, no Mar Exeo-Dardanelles, cun valor de 3,068 ng.L-1. A segunda concentración máis alta de cafeína atopada no mesmo medio, foi achada en Italia con 1,110 ng.L-1 (Nödler et al., 2014). E, efectivamente, o terceiro dato con maior nivel de concentración de cafeína en augas mariñas europeas correspondería a unha mostra analizada no presente estudo, con 857 ng.L-1 na Illa (ría de Arousa), lugar destacado pola súa afluencia turística nos meses de verán. Dita concentración de cafeína deunos como resultado a probabilidade de efectos adversos no ecosistema acuático, pero insístese na precaución da análise dos datos xa que o risco probabilístico real no ecosistema podería ser menor ao calculado.

A mostraxe realizada nas augas da EDAR [estación depuradora de aguas residuais] de Noia (ría de Muros-Noia) con 18,493 ng.L-1 de cafeína, realizouse na saída da auga efluente, polo que a mostra recollida non estaba mesturada coa auga superficial da ría e, polo tanto, non estaba diluída como nas demais mostras recollidas durante o estudo.

Hai algunha hipótese que explique esos altos índices de cafeína?

Debido á relación entre a orixe da cafeína e o seu consumo pola poboación, normalmente obsérvase que as concentracións máis altas de cafeína atopadas nos influentes das EDARs están relacionadas coa proximidade a núcleos poboacionais. Habería que ter en conta que as rías galegas están consideradas como lugar de interese e destino turístico onde cada verán acode gran cantidade de poboación a gozar do seu período estival. A mostra analizada na Illa de Arousa, é un lugar destacado pola súa afluencia turística nos meses de verán, tempada na que se levou a cabo a recollida de mostras do presente estudo.

"A proximidade dos cultivos de bivalvos ás desembocaduras das augas residuais evidencia a necesidade de estudar en profundidade o impacto potencial da cafeína nos moluscos".

Cales son as fontes deste tipo de contaminación? Como chega a cafeína ao mar?

A cafeína é un composto considerado como indicador de contaminación antropoxénica [a xerada polo ser humano], xa que a súa presenza no ciclo da auga estaría estreitamente relacionada coa cantidade de cafeína que consome habitualmente a poboación en forma de café, té ou refrescos. A cafeína contida nos pousos de café e nalgúns medicamentos tamén contribuiría á aparición desta nos nosos sistemas acuáticos. Do total de cafeína inxerida, unha persoa excretaría un 1-3% (directamente como cafeína) aos desaugadoiros, facendo chegar o devandito compoñente ás depuradoras e, finalmente, ao ciclo da auga.

Como se explica na pregunta anterior, obsérvase normalmente unha relación directa entre a proximidade de núcleos poboacionais ás EDARs e a súa maior cantidade de poboación con niveis superiores deste compoñente nas augas fluviais.

Tamén habería que considerar a existencia dalgúns focos de verteduras de augas residuais urbanas que non estean a ser ben xestionados (Europa Press, 2011).

Como se poden ver afectadas a calidade da auga e as especies? 

A probabilidade de que apareza un efecto adverso nun período de tempo dependería dos efectos clínicos e, en consecuencia, de se o efecto é reversible ou non para a especie. No caso da cafeína, necesitaríanse máis estudos crónicos con especies de ecosistemas acuáticos mariños, xa que a pesar de que a cafeína non se atopa no medio a concentracións moi altas en comparación con outros contaminantes, habería que destacar a descarga continua debido ao consumo humano de bebidas con este composto. Ademais, habería que seguir investigando na posibilidade de que exista un efecto sinérxico sobre o ecosistema cando se combina a cafeína con outros contaminantes emerxentes.

"Suxírese investir na mellora de tratamentos das estacións depuradoras de augas residuais do litoral".

Para o caso concreto das rías galegas, que consecuencias pode ter este tipo de contaminación?

A proximidade dos cultivos de bivalvos ás desembocaduras das augas residuais evidencia a necesidade de estudar en profundidade o impacto potencial da cafeína nos moluscos cultivados nesta zona. A capacidade filtradora destas especies podería ser motivo 'extra' de investigación, xa que a cafeína é un composto indicador da presenza doutros contaminantes antropoxénicos. Estes compostos poderían afectar os organismos mariños relacionados co cultivo acuícola. Ademais, como se viu, a presenza conxunta de varios contaminantes podería aumentar a súa toxicidade individual mediante a acción combinada entre eles (Flaherty and Dodson, 2005).

Estes resultados son motivo de alarma?

As concentracións de cafeína medidas nas rías mostran un risco aceptable para o ecosistema mariño e a saúde humana, aínda que habería que seguir investigando sobre os efectos da cafeína en ensaios toxicolóxicos de forma crónica e combinada con outros contaminantes emerxentes.

Que medidas habería que adoptar?

Suxírese investir na mellora de tratamentos das estacións depuradoras de augas residuais do litoral para evitar a entrada de contaminantes aos medios acuáticos e así evitar a posible alteración do equilibrio do ecosistema mariño.

Suxírese, tamén, seguir investigando sobre os efectos ecotoxicolóxicos que a cafeína poida ocasionar nestas especies.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta