Dicimos bo criterio porque as máis das veces, por non afirmar que sempre, non se repara na transcendencia que ten para a nosa economía o abultado gasto que se vai facer, se impera o sentido da responsabilidade coa economía do país.
Porque coa elección dos produtos podemos apoiar as nosas industrias de transformación agroalimentarias que sobreviven no rural con dificultades.
Porque ampliamos o número de consumidores e consumidoras nas grandes áreas metropolitanas para que as nosas explotacións agrícolas sexan rendibles e un medio de vida para as xentes do agro galego.
Porque dárllelas costas a familiares e amigos que manteñen con esforzo heróico as explotacións agrícolas é unha mostra de insolidariedade con esas xentes.
Porque Galicia necesita ter economía propia, de seu, para non sermos dependentes doutras, fixar poboación no agro e oportunidades de traballo nel.
A cohesión social de Galicia ten que forxarse cunha economía sólida, diversificada e cunha boa redistribución da riqueza, e un patrimonio cultural común. Con estes bimbios poderá ser posible crear unha Galicia próspera en todo o seu territorio e non só nunha parte dela . Ao contrario, abandonar o rural, é afondar nos desequilibrios territoriais que empobrecen e mancan a nosa identidade forxada pola historia.
As ceas de empresa son unha boa oportunidade para apoiar os produtos galegos, preferindo o seu consumo aos foráneos. As escollas do menús deben facerse pensando nas consecuencias, positivas ou negativas, que poden ter para o noso tecido produtivo.Velaí porque,en primeiro lugar, apelemos á sensibilidade daqueles que por razóns políticas ou sindicais,saben do que estamos a falar. Pero tamén, en segundo lugar, a todos os demais, para que se paren a pensar que Galicia precisa dunha economía propia.
Nas ceas de empresa, amigas e amigos, consumamos produtos galegos, e deles, aqueles que se identifican coa nosa cultura etiquetándose en lingua galega (viños, licores, lácteos, embutidos, conservas vexetais…). A economía e a lingua teñen que ir da man dos consumidores. Axudemos á galeguización da economía e ao mantemento de postos de traballo no rural.