Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 12:26
A deficiente cobertura telefónica e de Internet e a avanzada idade das persoas do rural dificulta o acceso a axudas e servizos que están sendo telematizados polas administración públicas. Así o denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG), que critica que en Galicia "a telematización dos procedementos administrativos discrimina a cidadanía do rural".
Isto, advirte o SLG, "está a crear un serio problema que converte as persoas que viven no rural en cidadanía de segunda en comparación coa xente que vive nos grandes núcleos urbanos, xa que a posibilidade de relacionarse telematicamente coa Administración é moi desigual dependendo de onde residas".
O SLG lembra que a cobertura de Internet e telefonía "deixa moito que desexar nas zonas rurais", onde ademais a poboación "está moi envellecida e moita non sabe usar nin posúe teléfonos móbiles ou ordenadores —realidade extensible aos labregos e ás labregas—".
O sindicato considera que a telematización dos procedementos administrativos "condena a unha parte moi importante da poboación a renunciar a relacionarse coa Xunta ou coa Seguridade Social", por exemplo, e a "ter que contratar os servizos dunha xestoría privada para poder facelo".
A isto, engaden, súmase o feito de que "as plataformas tecnolóxicas das que dispón a Xunta de Galicia, por exemplo, son obsoletas e deficientes" e "fallan decotío e provocan atrancos e demoras constantes só atribuíbles ao mal funcionamento dos programas informáticos", aseguran dende o SLG, que bota en falla a presenza de "funcionarios formados para solucionar este tipo de problemas".
Dende o Sindicato Labrego Galego consideran que todo isto é parte do "claro avance no proceso de desmantelamento xeneralizado de servizos públicos que estamos a sufrir", xa que "miles de cidadáns poden e están a perder servizos e dereitos por non poder acceder a eles por vía telemática".
Ante esta situación, o SLG esixe á Xunta que "comece a traballar seriamente na modernización e simplificación das ferramentas informáticas" que pon a disposición dos cidadáns para realizar xestións administrativas.
Tamén solicitar que "forme persoal funcionario para capacitalo na resolución dos problemas que xorden diariamente" nestes procesos, e que "invista realmente no rural", pero "non a través de campañas publicitarias", senón "en aspectos como a universalización das telecomunicacións en todo o territorio".
A maiores destas melloras, o SLG recorda que a Xunta está "obrigada a garantir os dereitos daquelas persoas que, por idade, formación, lugar de residencia ou calquera outra causa, non pode realizar xestións administrativas por vía telemática", polo que debería facilitar a estas persoas facer calquera trámite directamente con persoal funcionario.
No eido agrario propoñen dotar de recursos materiais e humanos suficientes as oficinas agrarias comarcais para que os labregos que o precisen, especialmente os de idade máis avanzada, "poidan realizar alí calquera xestión ou trámite directamente sen ter que recorrer a unha xestoría privada, tal e como acontece de maneira xeneralizada hoxe en día".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.