Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/03/2018 | Actualizada ás 20:53
Ourense en Común xa ten candidato para as eleccións municipais de 2019. Será Martiño Xosé Vázquez, elixido co 97,67% dos votos emitidos na consulta organizada polo Comité Electoral e desenvolvida mediante votación electrónica.
Superada a asemblea de validación, sen presentarse alegacións de ningún tipo, o Comité Electoral chamaba ao censo a votar este sábado. Mediante votación electrónica habilitada durante toda a xornada, cunha participación do 60%, Martiño Xosé Vázquez acadou una vitoria rotunda.
“Neste tempo, como portavoz do grupo municipal, tiven a sorte e a responsabilidade de comprobar como é posible practicar un liderado colectivo e democrático. Agora, con máis responsabilidade se cadra, toca afondar nos piares fundamentais de participación, transparencia e horizontalidade para construír un proxecto político plural, con vontade de sumar maiorías e con capacidade para gañar. Por un Ourense novo que mesture a experiencia coa xuventude e a sabedoría de quen leva décadas traballando en prol do ben común coa enerxía de quen quere cambialo todo”, afirmou Martiño Xosé Vázquez ao coñecer os resultadios.
O mesmo regulamento polo que é nomeado o portavoz como cabeza de lista contempla na súa redacción que o resto da candidatura sexa completada no outono deste mesmo ano cunha corrección de xénero que establece que os postos 2, 3 e 4 da candidatura deberán ser ocupados por mulleres.
“Ningunha compañeira animouse a dar o paso. Eu, e de seguro todas as persoas participantes e votantes de Ourense en Común tamén, estariamos encantadas de que a persoa a encabezar a lista fose unha muller. Pero dun modo ou doutro a perspectiva de xénero e a igualdade si ou si deben estar presentes. O feito de que os postos 2, 3 e 4 da candidatura sexan obrigatoriamente mulleres por encabezar eu a lista é bo, pero non suficiente. Teremos que seguir traballando para ter unha alcaldesa tan boa en Ourense como Ada Colau ou Manuela Carmena”, argumentou o candidato elixido, actual portavoz de Ourense en Común no Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.