Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2018 | Actualizada ás 15:18
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse indignado e enfadado este mércores logo de que o portavoz de En Marea, Luís Villares, lembrara o encontro mantido polo que foi titular do Goberno galego Gerardo Fernández Albor con contrabandistas en Portugal en 1984, durante un discurso no que denunciou os "silencios cómplices" de Feijóo coas "cousas que pasan" no Partido Popular.
Os dous políticos enfrontáronse no marco dun debate durante a sesión de control da Cámara, despois do ataque do portavoz rupturista a Albor, tamén presidente de honra do PPdeG. No que era a súa última quenda de pregunta durante unha intervención sobre infraestruturas, Villares considerou que Feijóo tampouco "é quen de levantar o seu silencio" para explicar por que "hai uns meses concedeu unha medalla a un Albor que levaba tres anos sen traballar".
"Facíao única e exclusivamente porque vostedes se dedican a comprar e vender silencios", manifestou, antes de sinalar o "feo" que, na súa opinión, é "reunirse en Portugal con capos do narcotráfico galego e despois, a día de hoxe, recibir unha medalla por eses feitos".
"MANCHA" A SÚA BIOGRAFÍA
Estas afirmacións foron censuradas polo presidente da Xunta, quen acusou a Villares de "manchar outra vez a biografía dun presidente da comunidade". "Creo que o señor Albor non merece este tipo de comentarios e, sobre todo, non merece este tipo de terxiversación da verdade, da realidade e da historia", asegurou, nunha intervención na que se remitiu ás explicacións que o propio Albor ofreceu sobre este encontro na Cámara galega.
"Toda a oposición, puido dicir que o señor Albor pecase de inxenuidade, pero nunca admitiron ningún tipo de responsabilidade", defendeu.
"Unha persona que calumnia e inxuria de forma continuada e constante, mesmo a persoas que cumpriron cen anos --en referencia a Gerardo Fernández Albor---... É capaz xa non de representar aos galegos, que na miña opinión creo que en ningún caso, senón de, ademais, impartir algo tan fundamental como é a xustiza?", cuestionou o presidente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.