Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2018 | Actualizada ás 19:45
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou o "apoio" da formación nacionalista ao expresidente de Cataluña Carles Puigdemont durante unha visita da Plataforma de Diálogo Europa-Catalunya, da que forman parte 40 representantes na Eurocámara. "Esperamos que teña boa solución", desexou a dirixente política, quen esperou que poida volver a "casa, á república catalá".
A propia Ana Miranda publicou na súa rede social de Facebook a visita que realizou en Berlín unha delegación desta plataforma durante o xoves e após o que participou nunha rolda de prensa na que se pediu "diálogo e unha solución política, liberación dos presos políticos, e mediación europea".
A eurodeputada apela a que "os dereitos fundamentais e de liberdade de expresión, de prensa e represión" están a ser "vulnerados" no Estado español coa coñecida como "lei mordaza". "O tema catalán non é un problema interno, senón europeo. O autoritarismo de Rajoy, das instancias xudiciais que non aceptan as decisións doutros estados son antidemocráticos", sentenza Ana Miranda.
A eurodeputada do Bloque tamén publicou un vídeo no que realiza unha mini entrevista a Carles Puigdemont. "É unha honra", comeza a súa intervención Ana Miranda, quen lle "transmite a solidariedade do BNG e da plataforma".
Puigdemont contéstalle que "está ben" e que ten "ganas de continuar". Á pregunta de se hai unha "regresión democrática", o expresidente sinala que "si" e engade que é "un problema de Europa, dun réxime autoritario" e de falta de "liberdade de expresión" e de vulneración do dereito de "manifestación e participación". "É claramente unha regresión democrática", agrega.
Ana Miranda indicou que confían en que teña "unha boa solución" a súa situación e que "volva a casa, que retorne a unha república catalá". Así mesmo, mostroulle o seu "afecto e agarimo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.