Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/06/2018 | Actualizada ás 12:34
Un estudo sobre os movementos migratorios das baleas no principio do Pleistoceno demostra que as baleas do Mediterráneo migraban ao Atlántico Norte hai 1,8 millóns de anos. A investigación fíxose en base ao estudo do crecemento da cuncha dos cirrípedos epibiontes que presentan algunhas baleas. Unha balea xibarte (Megaptera novaeangliae) varada en Burela en 2011 foi clave para o traballo de investigación, dirixido por Alberto Collareta, do Departamento de Ciencias da Terra da Universidade de Pisa, e no que participou o biólogo galego Pablo Covelo, da CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), con base en Nigrán.
Na rexión de Apulia, no sur de Italia, hai un amplo rexistro fósil de cirrípedos de misticetos da familia Coronulidae, o que levou a que esta zona fose considerada como unha antiga área de concentración de baleas na época de reprodución. Pero quedaba por saber se eses cirrípedos vivían sobre baleas que se estableceran exclusivamente no Mediterráneo ou se vivían sobre un hospedador que migrase estacionalmente a áreas de maior latitude do Atlántico Norte, fóra do Mediterráneo.
Para estudalo decidiuse analizar o perfil do isótopo de osíxeno δ18O ao longo da liña de crecemento da cuncha dun cirrípedo fósil extinto Coronula bifida, atopado na citada rexión e datado aproximadamente en 1,8 millóns de anos de antigüidade. A concentración do isótopo de osíxeno na cuncha depende da temperatura de precipitación dos carbonatos e da concentración do isótopo da auga circundante, polo que na cuncha quedarán rexistrados os movementos entre masas de auga con distintas temperaturas, baixo o principio de que nas augas frías a concentración do isótopo será máis alta que nas augas quentes.
Pero había que ter en conta que a composición química da cuncha fósil puidera terse visto alterada polas transformacións químicas ou físicas que sofren co paso do tempo os materiais depositados ou sedimentados no substrato trala morte do animal, maiormente cimentación e disolución seguida de precipitación (no proceso denominado diaxénese). Por iso como control previo para coñecer a calidade e bo estado da cuncha fósil, usáronse cirrípedos epibiontes Coronula diadema (a especie actual máis cercana a C. bifida), presentes nun exemplar de balea xibarte (Megaptera novaeangliae) varada en Burela en 2011 e que foran recollidos pola CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) durante a necropsia do exemplar e conservadas no Banco de mostras biolóxicas da Rede de Varamentos de Galicia. Unha vez analizadas ambas mostras, na comparación de elementos traza no cirrípedo fósil italiano non se atoparon indicios de diaxénese que comprometesen a fiabilidade da análise, a pesar do paso do tempo.
Ao facer o perfil do isótopo de osíxeno δ18O no fósil, nos resultados observouse unha fase inicial que se corresponde co crecemento en augas quentes (concentración baixa), unha fase intermedia de crecemento en augas máis frías (detectando un incremento da concentración) ata alcanzar un cume e unha fase final onde a cuncha crece en augas progresivamente máis quentes (diminución paulatina da concentración) ata acadar concentracións próximas ás iniciais, estimándose unha diferencia de 10°C entre as áreas. Despois desta terceira fase a cuncha deixou de medrar, o que suporía un ciclo vital de só un ano, similar ao descrito para a especie actual C. diadema.
Polo tanto conclúese que o cirrípedo fósil analizado foi epibionte hai aproximadamente 1,8 millóns de anos dunha balea que utilizaba o Mediterráneo central como área de cría na época máis fría do ano no Hemisferio Norte e que no verán movíase ás ricas áeras de alimentación no norte do Atlántico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.