Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/08/2018 | Actualizada ás 22:00
A investigación do INE de xuño de 2018, sitúa Galicia e Andalucía como territorios onde a xente non parece ter moitos motivos para facer viaxes de tipo persoal, non só por vacacións. O caso é que do total enquisado polo Instituto, o 34% de españois non viaxa e os motivos son diversos.
No caso galego é máis do 40% as persoas sen interese en desprazárense. O 50% das enquisadas que non viaxan é por falta de diñeiro. O outro 50% repártese entre as persoas que non o fan por motivos de saúde e quen simplemente prefire quedar na casa, resolver os seus asuntos desde o fogar ou botar as vacacións na súa residencia.
Os compromisos laborais, cun 17%, son outro motivo polo que a xente non ten motivos para saír fóra, mentres que os motivos familiares levan un 13%. Hai máis motivos pero en xeral pesa sobre todo o económico para realizar movementos que mesmo inclúan por motivos de traballo ou estudos. O caso é que Galicia non parece ter moito interese nas viaxes, sobre todo nas de pracer, pero tampouco nas que as cuestións laborais ou académicas podan ser o motor dos desprazamentos.
Por outra banda, as mulleres viaxan máis que os homes, cun 51% fronte ao 49% dos homes. Máis do 66% de movementos fanse dentro do territorio estatal, algo menos do 29% viaxan tanto por territorio español como polo estranxeiro. Só un pouco máis do 8% se move polo estranxeiro unicamente. As cuestións xeracionais tamén pesan no momento de decidirse. Dos 15 aos 34 anos máis do 75% móvense dentro e fóra das fronteiras estatais.
O número baixa dúas décimas entre persoas entre 35 e 44 anos. Dos 45 aos 64 anos a cousa vai diminuindo cara un 60%. A partir dos 65 anos o número de movementos ou viaxes diminúe de maneira destacable. Dentro de colectivos familiares son as parellas sen fillos as que máis se desprazan e adulto con neno os que menos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.