Afectados da explosión de Tui maniféstanse para reclamar a exención fiscal das axudas que perciban

Villares entende que é "totalmente inxusto" que as axudas económicas para a reconstrución de vivendas da Xunta non cubran o 100% dos danos e que se aplique o mesmo criterio que Facenda, ao equiparar as subvencións cun ingreso extra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2018 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

Preto de 2.000 persoas, segundo as cifras dos organizadores, manifestáronse en Tui na protesta convocada polos afectados da explosión pirotécnica de Paramos, ocorrida fai xa tres meses, para reclamar ao Goberno que as axudas que reciban non estean suxeitas a tributación, porque terían que devolver a Facenda entre "o 20 e o 40 por cento", unha porcentaxe que pode provocar que moitos dos veciños non as soliciten.

Manifestación celebrada en Tui este 26 de agosto. PLATAFORMA AFECTADOS PARAMOS TUI
Manifestación celebrada en Tui este 26 de agosto. PLATAFORMA AFECTADOS PARAMOS TUI | Fonte: Europa Press

Nunha mobilización que se iniciou na área Panorámica ao mediodía e finalizou ante o Xulgado, os afectados pola explosión portaron pancartas nas que reclamaron "solucións". Estiveron acompañados do alcalde da localidade, Carlos Vázquez Padín, o portavoz de En Marea, Luís Villares e representantes do BNG.

Tres meses despois da explosión, que custou a vida a dúas persoas e causou 40 feridos, preto dunha trintena de veciños non puideron aínda regresar ás súas vivendas, segundo explicou Salvador García, presidente da Plataforma de Afectados.

Con todo, o prazo de solicitude de axudas para a reconstrución das súas casas finaliza o 6 de setembro, pero o feito de que estean suxeitas a tributación provoca que moitos afectados non poidan solicitalas, por non poder "devolver a porcentaxe de entre o 20 e o 40%" establecido e pola computación como ingresos, que provocaría que os xubilados perdesen parte ou a totalidade das súas pensións.

"Se pides a axuda, contabilízancha como un ingreso ou un beneficio, coma se che tocara a lotaría, se tes unha pensión non contributiva e excedes os 3.000 euros perdes esa pensión, e se cobras unha pensión mínima duns 600 euros, perderías os complementos e quedarías case coa metade", explicou.

Nesta situación se atoparían varios dos afectados que, deste xeito, non poderían solicitar as axudas: "Iso é tremendo, agora vostede vaia e coma cos 370 euros que quedarían a algún, pague recibos... e ademais arranxe a súa casa, e despois, garde porque o terá que devolver", denunciou.

A desgravación fiscal foi, por este motivo, unha das reclamacións "primordiais" dos afectados. Salvador García indicou que comprenden que haxa "certas dificultades" para declarar o lugar como zona catastrófica --que evitaría estas tributacións a Facenda--, pero esixen ao Goberno que se aprobe "un decreto específico que contemple as exencións". "E necesitámolo xa, porque se o Goberno está a redactar os orzamentos haberá que facer unha modificación de Lei", engadiu.

En todo caso, Salvador García mostrou a súa confianza en recibir "respostas por parte do Estado" para que "poñan sobre a mesa algún tipo de compromiso, o prazo de solicitude de axudas acábase o 6 de setembro e hai xente que ten medo a pedir a axuda porque primeiro arranxará a casa e despois embargaranlla porque non poderá pagar a Facenda".

No manifesto central da manifestación, advertiron que continuarán coas mobilizacións en caso de non obter respostas por parte do Goberno ás súas reivindicacións. "Señores políticos, non permitiremos que se esquezan de nós. Esperamos non ter qe volver xuntar a toda a cidadanía para alzar a nosa voz nas portas da Moncloa, pero se é necesario, non dubiden que así o faremos. Señor Presidente, axuda a esta xente", proclamaron.

Por outra banda, tamén solicitaron á Xunta de Galicia que cumpra os "compromisos verbais adquiridos" en diversas reunións, e ao Concello de Tui que "axilice os trámites urbanísticos" para recuperar a zona e "presione" aos "estamentos máis altos para lograr máis fondos e o rebo" da zona.

Ao mesmo tempo, os veciños demandan da Deputación de Pontevedra "fondos suficientes para colaborar na recuperación" do espazo danado, a pesar das "negativas" realizadas. "O Concello, que ten menor orzamento, achega diñeiro e vostedes non o fan?", cuestionaron.

LUÍS VILLARES TACHA DE "INACEPTABLE" QUE SE APLIQUEN CARGAS FISCAIS

Na protesta participou tamén o portavoz de En Marea, Luís Villares, que tachou de "inaceptable" o "proceder das administracións e as reducidas de xeito evidente insuficientes solucións que se están achegando á poboación damnificada".

Luís Villares reclamou así a exención fiscal e a urxente posta en marcha dun plan de reconstrución para a zona afectada, así como un plan de atención psicolóxica. Tras remarcar que os veciños de Paramos "están a ser totalmente desatendidos polas administracións", reclamou tanto a exención fiscal por parte do Estado como a aplicación de deducións da Xunta.

Ademais, Villares entende que é "totalmente inxusto" que as axudas económicas para a reconstrución de vivendas da Xunta de Galicia non cubran o 100% dos danos e que se aplique o mesmo criterio que Facenda, ao equiparar as subvencións cun ingreso extra.

O líder de En Marea mostrouse crítico coa "inaceptable lentitude" de solucións para Paramos, ao non existir "a día de hoxe un plan de reconstrución integral para Paramos", e coa ausencia dun plan de atención psicolóxica, como demandan os veciños, que debería impulsar a Consellería de Sanidade.

Por último, instou ás administracións a que se encarguen do rebo da zona, para propiciar que se realice calquera outro traballo de "recuperación", e lamentou "a escasa coordinación" en todos os procesos de xestión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

é unha vergoña que TRES Administracións leven 3 meses cruzadas de mans (Concello - Deputación - Xunta) ¿para que están tódalas administracións en Galicia? Para pagar festas e cuchipandas mentres a xente segue cunha man diante e outra atrás... VERGOÑA !!! A vindeira manifestación será mellor que remate no Monte Pío e queden as 30 familias a vivir na Residencia do Presidente do Goberno de Galicia ! A ver se así toman nota de vez !