Por Emilio Martinez | Vigo | 19/06/2011
A partir das eleccións xerais do 89, a partilla ten sido sempre invariable: 12 senadores do Partido Popular e 4 senadores do PSOE. Con anterioridade, nas eleccións de 1982 e 1986, o PSOE foi quen de obter 3 senadores pola provincia da Coruña, sumando no ano 86 un total de 6 fronte aos 10 conservadores. Como resultado dun proceso electivo baseado no voto maioritario, o BNG ten quedado sempre moi lonxe de acariñar, con moita marxe, representación.
Esta situación contrasta coa elección de deputados, pois o sistema proporcional ofrécenos unha fotografía máis real do sentir do país. En 2008, a suma de deputados do PSOE e do BNG é superior ao número de deputados acadado polo PP (12 fronte a 11), e no 2004 os resultados foron 12 deputados para o PP, 10 para o PSOE e 2 para o BNG.
O Senado non deixa de ser unha cámara moi cuestionada na actualidade, pero iso non é óbice para que desde a esquerda se facilite unha maioría conservadora na mesma. Por que facerlle as cousas máis doadas a aqueles dos que nos separa un abismo en canto á concepción da economía, da política, da sociedade e, mesmamente, da vida?
Semellante reflexión seguramente se fixo hai xa máis dunha década en Catalunya. E o resultado non foi quedar sentandos de brazos cruzados culpando dos resultados ao sistema, á mala sorte ou a calquera outra das moitas escusas nas que a esquerda adoita refuxiarse.
En Catalunya, a consecuencia desta reflexión foi a Entesa Catalana de Progrés, na que participan o PSC, Esquerra Republicana, Iniciativa per Catalunya-Verds e Esquerra Unida i Alternativa. Os resultados son elocuentes: se en 1996 CiU contaba con 8 senadores por elección (3 en Girona e Lleida e cadanseu por Tarragona e Barcelona) e o PSC cos outros 8, nas eleccións dos anos 2000, 2004 e 2008, CiU tivo que contentarse con 4, un por provincia, fronte aos 12 acadados pola Entesa Catalana.
Sen dúbida a conformación da Entesa non estivo exenta de debates entre as forzas que a compoñen e no propio seo de cada unha delas. Sen ter un coñecemento directo, case me atrevería a afirmar que foron debates tensos, pero produtivos. Supoño que non foi doado chegar a un programa de mínimos co que concorrer conxuntamente e tamén intúo que durante estes doce últimos anos houbo graves polémicas: sobre as marxes de autonomía, sobre a actuación conxunta no Senado… Despois de todo, PSC, ERC e ICV son forzas cos seus propios programas, as súas propias prácticas e os seus propios intereses. Pero souberon antepoñer o que os une ao que os afasta. Deberiamos tomar nota de que non só son posibles os pactos de goberno logo das eleccións, hai outras fórmulas e, talvez, o momento político actual esixe arriscar.
En Galicia, un superficial exercicio numérico permítenos afirmar que, en varias convocatorias pasadas, a suma de votos das forzas progresistas sería máis que suficiente para darlle a volta aos resultados no Senado: dese 12 a 4 pasar a un 4 a 12, ou cando menos acadar un resultado máis acorde coa distribución ideolóxica da cidadanía.
Estou seguro de que entre o PSOE, o BNG e mais EU existen moitas diferenzas, pero creo que a maioría coincidirá en que entre estas organizacións son moito menores que as que existen entre elas e o Partido Popular, un partido que hoxe por hoxe non ten ningún tipo de reparo en pasar por alto a corrupción ou combinar o vello caciquismo de sempre co discurso xenófobo e racista da modernísima estrema dereita europea, ao mesmo tempo que practica políticas de erradicación do «público» aquí e acolá.
Hoxe, a cidadanía que representa a base electoral da esquerda política galega debe esixirlles a PSOE, BNG e mais EU que aposten polo que os une e non por magnificar as diferenzas que os separan. Perder fronte á dereita sempre é posible. Non poñer todos os medios para erguer diques fronte á vaga conservadora é, simplemente, imperdoable.