Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/12/2018 | Actualizada ás 20:45
Francisco Campos, ex director xeral da CRTVG, e Henrique Monteagudo, secretario da REal Academia Galega (RAG), entre outros profesores, acadaron este venres o título de catedráticos pola Universidade de Santiago (USC).
Francisco "Paco" Campos gañou o concurso de cátedra da área de Xornalismo. Conta cunha longa traxectoria profesional e investigadora no campo do Xornalismo, lidera varios proxectos de investigación no ámbito audiovisual (sobre os valores do servizo público e sobre a transformación do audiovisual na sociedade rede).
No ámbito xornalístico empezou a súa actividade profesional como delegado de La Voz de Galicia en Lugo (1979-1985), subdirector e director de La Región de Ourense (1985-1990), director-xerente da Axencia Galega de Noticias (AGN) en 1990-94, director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia de 1994-2005 e presidente de FORTA en 1994, 1997, 2001 e 2004. Ten varios libros editados, os tres últimos sobre "El cambio mediático' (2009), "El nuevo escenario mediático" (2010) e "Gobernanza y comunicación en Europa" (2011).
Pola súa banda, Xosé Henrique Monteagudo Romero, gañou a cátedra na área de Filoloxía Galega. É sociolingüísta galego, profesor na Universidade de Santiago de Compostela desde 1982, membro numerario e secretario da Real Academia Galega.
Cunha longa traxectoria investigadora e profesional, Monteagudo foi profesor nas universidades de Birmingham (como 'Assistant Lectores'), na City University of New York (1996) e na de Lisboa (1998). O 30 de abril de 2010 foi elixido académico numerario da Real Academia Galega, para ocupar así a vacante de Antonio Gil Merino, e dende 2013 é o seu secretario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.