O Partido Popular de Galicia concibe o sistema sanitario coma se dunha mercancía máis se tratase e por iso estamos asistindo a un deterioro paulatino do sistema. Centros sanitarios obsoletos e con material deteriorado, carencias de persoal sanitario e administrativo, gastos farmacéuticos elevados, incremento da listas de espera...
Eses procesos de privatización dos servizos públicos forman parte do chamado proceso de mercantilización do Estado de Benestar. A campaña de depreciación do público e de mingua do papel do Estado arrinca xa hai varias décadas e a partir da crise financeira de 2008 asistimos a unha forte especulación e unha feroz financiarización da economía que sustenta a progresiva mercantilización do Estado de Benestar. E a sanidade non escapa a este proceso, xa que a actual depresión económica está sendo utilizada como ariete para debilitar o Estado de Benestar e para favorecer a incorporación de negocio nos servizos públicos.
Non existe evidencia ningunha que demostre que a xestión privada é máis eficiente que a xestión pública. E con todo escoitamos falar constantemente de “xestión clínica”, “modernización”, “colaboración público-privada” ou “externalización”, eufemismos dunha estratexia deseñada para conducir á venda encuberta da sanidade pública, pero só daquelas partes ou segmentos rendíbeis que poden satisfacer os intereses económicos das empresas do sector.
Núñez Feijóo seguiu o camiño privatizador emprendido polo goberno de Mariano Rajoy. O Partido Popular de Galicia acometeu privatizacións soadas como a concesión da construción e explotación do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) e recortes constantes no gasto público que comezaron cunha redución do orzamento sanitario en máis dun 18% desde o ano 2009, resultando a máis prexudicada a atención primaria con máis dun 22%. Esta redución trouxo como consecuencia a redución de persoal, xa que desde o inicio da crise até a actualidade perdéronse case 1800 prazas na sanidade pública galega e a eliminación de camas nos hospitais: 447 entre 2010 e 2014.
A construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non supuxo unha solución ao problema e se engadimos os desastrosos acordos entre o SERGAS e POVISA concluímos que a nefasta política sanitaria do PPdeG conduciunos a actual situación de deterioro insoportábel do noso sistema sanitario.
Por todo o exposto volveremos mobilizarnos en Vigo o próximo 24 de xaneiro, porque a Sanidade Pública non se vende e porque defendemos a dignidade do sistema sanitario público e loitamos contra os recortes.