Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/01/2019 | Actualizada ás 14:42
A portavoz de Cidadáns Galicia, Olga Louzao, afirmou que ve "normal" que o presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, "queira seguir defendendo o seu reino de taifas".
Con todo, avisou de que a súa formación "vai chegar" e que o fará "con moita forza e responsabilidade" nas eleccións municipais de maio. En cidades como Pontevedra, Ferrol e Lugo, a súa intención é crecer, mentres que aspira a entrar noutras como Santiago, Vigo e Ourense, segundo apuntou.
Preguntada polos candidatos de C's tras rexistrar dúas preguntas no Parlamento galego, Louzao explicou que "foron presentados a semana pasada" e defendeu que "hai moi bos" aspirantes. En calquera caso, expuxo que "é unha decisión a nivel nacional" que a presentación sexa "conxunta", de aí o "atraso", xa que "noutras comunidades hai primarias" e teñen que "respectar" ese proceso.
Convencida de que Ciudadanos "fará un gran papel en Galicia", o seu portavoz na comunidade asegurou que os candidatos terán "gran capacidade de traballo e sentido de responsabilidade" e agregou que se presentarán non só en grandes cidades. A próxima cita coas urnas "vai marcar un punto de inflexión da posición de Cidadáns en Galicia", augurou.
RESPOSTA A FEIJÓO
Pola súa banda, respondeu aos xornalistas que a idea de que Ciudadanos non ten espazo na comunidade "é unha opinión do señor Feijóo". Fronte a isto, opina "que o que está a pasar a nivel nacional marca a tendencia" e "Cidadáns onde se presenta crece", en alusión a Cataluña e Andalucía.
"Xa que logo, é normal que Feijóo queira seguir defendendo o seu reino de taifas, pero está claro que C's vai chegar e con moita forza e responsabilidade e tendo claro que Galicia non pode ser unha comunidade de segunda como están a demostrar os gobernos do PP e agora do PSOE", subliñou.
De acordo cos seus datos, a súa formación presentarase en máis de 80 concellos e, aínda que "é verdade que son moi importantes os nomes", recalcou que "tamén moi importante" será o programa e proxecto "para cada cidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.