Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/01/2019 | Actualizada ás 17:16
Tras unha xira de presentación de máis dun mes polas salas dalgunhas das principais urbes europeas, o documental Bullfight será presentado este venres, 1 de febreiro, na cidade natal do director, o coruñés Iago Prada Cortizo, nun evento de entrada libre ata completar aforamento, no Auditorio de Afundación na Coruña, a partir das 18 horas. Será a estrea en Galicia e España dun filme sobre as corridas de touros que "non é para agradar o público", senón "para mostrar a lidia tal e como é: con dor, con agonía e con morte, pero tamén con aplausos, vítores e orgullo", explica o director.
Do mesmo xeito que nas presentacións realizadas fóra, na maioría das proxeccións que se realicen en Galicia e outras partes de España, os asistentes poderán gozar dunha exposición de fotografías e armas taurinas, para que poida comprender aínda máis de preto que é o que ocorre na area da praza.
O obxectivo do documental —filmado con sete cámaras de cinema e dez micrófonos ultra direccionais e que conta coas explicacións do veterinario Jose Enrique Zaldívar (presidente de AVATMA)— é explicar que supoñen estes festexos para as persoas e os animais involucrados.
Bullfight proxectouse en cinemas, teatros, centros sociais, universidades, colexios e festivais. "As persoas asistentes terminaban o filme visiblemente emocionadas e deixando extensas notas de felicitacións e agradecemento ao director e ao equipo no libro de visitas", din os autores desta peza.
O documental produciuse de forma totalmente autoxestionada, sen subvencións públicas nin de ningún outro tipo. Máis dunha ducia de artistas realizaron actuacións benéficas para sufragar os custos da produción.
Bullfight é o froito de tres anos de traballo, onde traballaron case medio cento de profesionais nas diferentes fases do proceso. Este esforzo foi recoñecido non só por salas e asociacións de todo o mundo, senón tamén por festivais como Boddinale (Berlín) ou Inshort Filme Festival (Nixeria) que incluíron a Bullfight nos seus programas.
Ademáis disto, o xoves haberá unha palestra en Unión Anarcosindicalista sobre abolición da tauromaquia dende unha perspectiva anarquista, onde as persoas asistentes poderán ver unha exposición con fotografías da rodaxe e armas empregadas na tauromaquia. Neste acto, ademáis, presentarase o fanzine "¡Que vivan los toros!", proxecto paralelo a Bullfight onde o director fala da historia da tauromaquia e de todas as excentricidades que se realizaron ao longo da historia neste tipo de espectáculos.
SINOPSE
Bullfight penetra nunha praza de touros de terceira categoría para gravar unha corrida íntegra. Cunha gran crueza e sen edulcorantes de ningún tipo, as cámaras mostran con todo detalle os castigos aos que o touro é sometido constantemente e os contratempos puntuais que sofre o toureiro.
Estas imaxes están acompañadas dun son realmente próximo do animal —nunca antes escoitado de forma tan clara— así como dos comentarios do veterinario Enrique Zaldívar, quen, con total obxectividade e información puramente científica, explica que lle sucede a touros, cabalos e toureiros desde que o bovino entra na praza ata que é arrastrado polas mulas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.